O BNG propón constituir o Consello Social da Lingua para impulsar a participación cidadá na recuperación do galego

O grupo municipal do BNG
O grupo municipal do BNG

As nacionalistas propoñerán acelerar a redaciòn do PEPRI do Casco Histórico e o Plan de Dinamización da Área Rexurbe para atallar os problemas estruturais da zona monumental en canto a vivenda, urbanización e habitabilidade

O BNG tamén propoñerá respaldar as demandas da plataforma SOS Sanidade Pública sobre as carencias da atención primaria

O BNG propón constituir o Consello Social da Lingua para impulsar a participación cidadá na recuperación do galego

Betanzos, 24 de marzo de 2025. O BNG propoñerá no vindeiro pleno que se constitúan a comisión político-técnica de aplicación e seguimento da ordenanza de usos do galego e mais o Consello Social da Lingua. Os dous órganos de participación están recollidos na ordenanza de uso do galego que leva vixente nove anos. “A día de hoxe, cunha situación de emerxencia lingüística se temos en conta os datos oficiais do IGE de 2024 sobre a perda de falantes e transmisión do idioma, é urxente desenvolver o contido da ordenanza”, explican as nacionalistas.

Facer seguimento da aplicación do regulamento e mais crear un consello social para impulsar a normalización do galego e tomar medidas de cara ao futuro son dúas vías para desenvolver a norma que leva aprobada desde 2016. “Porén, tan só se aprobou un protocolo sobre o uso do galego nos servizos e concesións municipais que dista moito de cumprirse e, polo tanto, de garantir os dereitos das betanceiras galegofalantes”, indicou Salvador González, concelleiro do BNG. “Betanzos foi unha das cidades pioneiras na defensa do idioma coa creación dunha Irmandade da Fala e ten que seguir sendo vangarda para que o galego cumpra mil primaveras máis”, advirte o edil nacionalista.

Desde o BNG poñerán o centro de atención no próximo pleno tamén na situación do Casco Histórico de Betanzos e a ausencia de novidades no novo Plan Especial de Protección e de Reforma Interior do Casco Histórico e do plan de dinamización da área REXURBE. “O primeiro, sen contratar tras ter que anular o contrato anterior, e o segundo, como puidemos coñecer tras unha iniciativa parlamentaria, sen presentar á Xunta por parte do goberno local do PSOE”, denunciou o concelleiro do BNG Salvador González.

“Sen poñer freo ao despoboamento do Casco Histórico , sen garantir que é un lugar para vivir, todas as medidas que está adoptando o goberno local do PSOE cara ao turismo son cosméticos, maquillaxe para un deserto, para un decorado de postais” advirten desde o BNG. “Desenvolver un marco de certeza é imprescindíbel para a rehabilitación de vivenda no casco histórico, só coa reurbanización e recuperación de espazos degradados se garante a rehabitación da cidade histórica”, advertiron desde o BNG. “O goberno local do PSOE ten que abandonar a visión do Casco Histórico como reclamo turístico e do patrimonio como problema: o patrimonio é o maior activo económico da cidade pero o casco é e ten que ser un barrio para residir, con todos os servizos”, asegura Salvador González.

Por este motivo, desde o BNG urxirán ao goberno local do PSOE a informar sobre a situación do plan de dinamización da área Rexurbe e das súas liñas mestras e mais a informar sobre os prazos previstos para substituír o actual e desfasado PEPOCH. “É unha máis das medidas que vimos propoñendo sobre a necesidade de recuperar a vivenda na zona monumental, xunto coa dinamización da Oficina de Rehabilitación ou a creación de liñas de axudas específicas”, explicou o edil nacionalista Salvador González.

Moción da plataforma SOS Sanidade Pública sobre os medios da sanidade galega

Por outra banda, o BNG dará traslado ao Pleno da moción da Plataforma SOS Sanidade Pública, que demanda máis medios para a atención primaria, con dotación de persoal e medios para atender á veciñanza como moito en 48h desde que solicita a cita, máis medios para a atención hospitalaria empregando os recursos instalados nos hospitais galegos mañá e tarde para reducir as listas de agarda e máis orzamento para o sistema público de saúde en Galiza. “Levamos anos trasladando as deficiencias do centro de saúde de Betanzos, aínda hai uns meses volvimos demandar especialistas e esperamos que o PP deixe de defender á Xunta e defenda os dereitos das veciñas e veciños de Betanzos e a súa comarca”, indicou Vanesa Rey, concelleira do BNG.

O BNG propón constituir o Consello Social da Lingua para impulsar a participación cidadá na recuperación do galego

Este sitio usa cookies propias e de terceiros para desenvolver información estatística e amosar publicidade relacionada coas súas preferencias mediante a análise da súa navegación. Mais detalles >