O BNG traslada ao Pleno a necesidade de actuar de maneira inmediata para evitar novos derrubamentos no Casco Histórico
Salvador González: “Todos os anos estamos devolvendo sen gastar a maior parte dos fondos das axudas que se convocan para a rehabilitación no Casco. Son cartos que veñen da Xunta para convocar subvencións que dinamicen a rehabilitación de vivenda, e sen embargo estanse devolvendo pola falta de información e iniciativa do goberno local”
Desde o BNG esixiron que o goberno local vixie o cumprimento das promesas de rehabilitación da Xunta de Galiza, facendo seguimento de compromisos e prazos, dando información trimestral á Comisión de Patrimonio
Betanzos, 20 de marzo de 2024.- O BNG traslada ao Pleno a necesidade de actuar de maneira inmediata para evitar novos derrubamentos no Casco Histórico e promover a rehabilitación de vivendas privadas. “O Casco Histórico de Betanzos é un dos principais activos patrimoniais, cultural, turístico e económico con que conta o noso concello. Xunto co Parque do Pasatempo, é o que fai diferente e única a nosa cidade. Estes elementos deberían ser os motores do noso desenvolvemento económico e social, mais, padece un proceso de degradación acelerada”, explicou o concelleiro do BNG, Salvador González.
“Os novos derrubamentos aumentan a sensación de decadencia do casco, mais os novos pasos que se deron desde o punto de vista administrativo abren a posibilidade de realizar accións precisas para conseguirmos ter un casco vivo”, engadiu o nacionalista.
“A Xunta de Galiza ten a competencia en patrimonio e en vivenda. Nestes 15 anos de goberno do PP na Xunta entregou até o momento as chaves de 8 vivendas do plan Rexurbe no Casco histórico de Betanzos. O obxectivo da propia Xunta era conseguir rehabilitar 17 edificios en Betanzos, mais polo momento só están rematadas as obras en 10 e só se entregaron as chaves de 8 vivendas en 15 anos”, criticou o concelleiro do BNG.
Desde o BNG esixiron que o goberno local vixie o cumprimento das promesas de rehabilitación da Xunta de Galiza, facendo seguimento de compromisos e prazos, dando información trimestral á Comisión de Patrimonio.
“Todos os anos estamos devolvendo sen gastar a maior parte dos fondos das axudas que se convocan para a rehabilitación no Casco. Son cartos que veñen da Xunta para convocar subvencións que dinamicen a rehabilitación de vivenda, porén estanse devolvendo pola falta de información e iniciativa do goberno local”, indicou Salvador González.
Desde o BNG pediron que o goberno local dote de todos os medios necesarios a Oficina de Rehabilitación municipal para que informe puntualmente á veciñanza das subvencións que existen para a rehabilitación de vivendas históricas e para que colabore en todos os trámites que as propietarias necesiten. Pediron tamén que se habilite na web municipal un apartado específico no que se informe de todas as axudas relativas á rehabilitación do casco de forma didáctica e sinxela. Así como a realizar unha campaña informativa nas redes sociais coas axudas que están dispoñíbeis en cada momento.