O BNG leva a Pleno a supresión de axudas á normalización nos concellos
A moción do BNG tamén inclúe unha proposta para que o goberno local dispoña “a dotación orzamentaria suficiente para manter e potenciar o Servizo de Normalización Lingüística municipal”, creado polos nacionalistas en 2003.
A moción do BNG tamén inclúe unha proposta para que o goberno local dispoña “a dotación orzamentaria suficiente para manter e potenciar o Servizo de Normalización Lingüística municipal”, creado polos nacionalistas en 2003.
Betanzos, 23 de setembro de 2011. O BNG rexistrou para o seu debate no Pleno unha moción na que reclama fondos suficientes para continuar a normalización do galego. A proposta do BNG pasa por reclamar á Xunta a restitución das axudas aos concellos para normalización do idioma, recentemente eliminadas. Así, os edís nacionalistas Henriqeu del Río e Xosé Vales indican que “o goberno do Partido Popular, utilizando como coartada os obxectivos de estabilidade orzamentaria e déficit público, eliminan as axudas para a lingua galega, e cumpren co seu programa político: a liquidación do uso do noso idioma tamén no ámbito oficial”
Del Río e Vales advirten que con esta decisión, a Xunta do PP provoca tamén “a desaparición dos servizos de normalización lingüística e a eliminación de numerosos postos de traballo de técnicas e técnicos municipais de normalización, incumpríndose os obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e agudizando o ataque ao galego”. Por este motivo, a moción do BNG tamén inclúe unha proposta para que o goberno local dispoña “a dotación orzamentaria suficiente para manter e potenciar o Servizo de Normalización Lingüística municipal”, creado polos nacionalistas en 2003, e asegurando o cumprimento dos seus fins fundacionais.
Retirada da Orde que aproba os prezos medios de inmobles en rústico e urbano
O BNG rexistrou outras dúas mocións para o pleno que terá lugar o vindeiro martes. Unha delas propón ao Concello pedir a retirada da Orde da Consellaría de Facenda pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galiza para os exercicios 2010 e 2011. Esta normativa, segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, supón “unha suba de impostos que gravan a transmisión de propiedades inmobiliarias que afectan á maioría da poboación, pois teñen relación co traspaso de vivendas, herdanzas, doazóns ou propiedades agrarias e forestais”.
O BNG advirte de que con esta Orde “aplícase unha suba artificial dos prezos dos inmóbeis, alonxada da realidade, pois o valor medio das vivendas levan tres anos de descenso consecutivo, e neste mesmo 2011 a vivenda baixou en Galiza un 3%”. Del Río advirte de que con esta Orde “o PP desde a Xunta está a crear artificialmente novos valores cos que cadrar as contas”.
Un novo sistema de financiamento local que garanta a solvencia dos concellos
O BNG presenta outra moción na que propón demandar “ao Goberno do Estado a elaboración un Plan que garanta o gasto corrente aos concellos e a acordar unha moratoria no pagamento das liquidacións negativas das cantidades recibidas da Participación de Ingresos do Estado (PIE)” para evitar que os ingresos dos concellos dependan dos avatares orzamentarios estatais. Do mesmo xeito, o BNG plantea “a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da PIE, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza”. Para este novo modelo de financiamento, o BNG propón que se teña en conta “o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da población”.