“A PESAR DE QUE O PASADO MES DE XANEIRO O PLENO DEMANDOU A CONVOCATORIA PARA COÑECER TODOS OS DETALLES DESTAS REUNIÓNS E NEGOCIACIÓNS DO CONSORCIO, ESTA COMISIÓN NON SE CONVOCOU AÍNDA E SEGUIMOS SEN INFORMACIÓN NIN DOCUMENTACIÓN SOBRE ESTE TEMA” REPROBOU VANESA REY.
O BNG volve reclamar a reunión da comisión para facer seguemento dos acordos no Consorcio das Mariñas

Betanzos, 19 de marzo de 2025. O BNG volveu demandar no pleno que sexa convocada a comisión de entes participados polo Concello de Betanzos para que o goberno local do PSOE dea información sobre o que está a negociar e acordar no Consorcio das Mariñas.
A concelleira nacionalista Vanesa Rey indicou que “pola prensa nos enteramos das negociacións que se seguen no Consorcio das Mariñas e de como o presidente do ente falara dun acordo co concello da Coruña para que o prezo do servizo de tratamento de residuos for a un euro máis barato do que custaría en Sogama e seguir como cliente preferente en lugar de formar parte da dirección de Nostián para poder libremente cambiarse a Sogama en calquera momento”.
“O concello de Betanzos ten constituída unha comisión para dar información a todos os grupos da corporación sobre as reunións do Consorcio, Reserva da Biosfera e outros entes onde participa o goberno local en representación do concello” recordou a concelleira do BNG. Lembra que, precisamente, esta comisión foi constituída en base ao acordo de investidura para garantir a transparencia sobre a actuación do goberno local en todos estes entes
“A pesar de que o pasado mes de xaneiro o pleno demandou a convocatoria para coñecer todos os detalles destas reunións e negociacións do Consorcio, esta comisión non se convocou aínda e seguimos sen información nin documentación sobre este tema” reprobou Vanesa Rey.
Desde o BNG exixiron ao goberno local que aclare que postura está a defender sobre o tratamento e xestión de residuos e se comparten as palabras do presidente do Consorcio das Mariñas sobre “a mudanza na compostaxe para pasar a queimar o lixo e contaminar o aire co modelo Sogama que defende a Xunta do PP”. “Ten información o goberno de en que prazos se vai publicar o prego de licitación do tratamento de residuos, neste momento xestionado en precario” preguntaron.