O BNG exixe a convocatoria inmediata de todas as liñas de subvencións a entidades e clubs para este 2025

Reproban que o executivo do PSOE deixou sen convocar as liñas de axudas pactadas destinadas a entidades como as ambientais ou as comisións de festas, que finalmente se viron excluídas da convocatoria de subvencións municipais que o goberno de María Barrral lanzou nos últimos meses do ano.
“Non resulta admisíbel que un goberno elixa e premie a unhas entidades dándolles fondos públicos e prexudique a outras deixándoos sen elas porque todas as persoas do municipio son as que aportan eses fondos públicos e, en consecuencia, todas teñen dereito a eles"
Betanzos, 28 de febreiro de 2025. O BNG exixiu no pleno a convocatoria inmediata das subvencións a entidades deste 2025. A concelleira nacionalista Vanesa Rey lembrou que “no Pleno pasado debateuse sobre as subvencións en concorrencia competitiva do concello de Betanzos do ano 2024 e da súa convocatoria para o presente ano e acordouse convocar á maior brevidade para que non se repita a situación provocada polo goberno local do PSOE en 2024”.
As nacionalistas lembran que, o pasado 2024 e a consecuencia do pacto de investidura, “tras anos de insistencias e como condición do acordo de investidura, conseguimos que o goberno local do PSOE modificara o sistema polo que se concedían as subvencións no Concello de Betanzos". "Dun sistema onde mais do 80% das subvencións se concedían de forma nominativa, "a dedo", sen ningún sistema nin criterio obxectivo de valoración, pasouse a un sistema onde a maioría destas axudas se conceden por concorrencia, garantindo a igualdade de condicións no acceso aos cartos públicos para todas as entidades que decidan pedilas".
"Porén, a pesar da insistencia do noso grupo e tras ter negociado as bases de subvencións para entidades deportivas, culturais e veciñais en agosto, convocáronse xa comezado o mes de decembro, cuns prazos mínimos para solicitalas e unhas cantidades que non coincidían coa suma do que se recollía no orzamento para estas convocatorias, pois en casos como o das subvencións para entidades culturais víanse reducidas as contías" denuncian desde o BNG. Reproban, ademais, que o executivo do PSOE deixou sen convocar as liñas de axudas pactadas destinadas a entidades como as ambientais ou as comisións de festas, que finalmente se viron excluídas da convocatoria de subvencións municipais que o goberno de María Barrral lanzou nos últimos meses do ano.
Por este motivo, as nacionalistas exixiron en sede plenaria ao goberno do PSOE que aclare “cando pensan pagar” as subvencións de 2024 que aínda non abonaron ás entidades. Neste sentido, demandan que se aclare “como van facer fronte a eses pagos dado que o orzamento de 2024 xa está pechado”.
Desde o BNG urxiron, ademais, ao goberno do PSOE a convocar de inmediato as liñas de subvencións a entidades pactadas e quixeron saber se está realizada xa “a reserva de crédito orzamentario para esta convocatoria” para evitar que os cartos finalmente sexan destinados a outro tipo de gastos por parte do goberno local.
"Acceder en igualdade de oportunidades a unha subvención ou a unha praza de emprego público é algo esencial na democracia” explican as nacionalistas. “Non resulta admisíbel que un goberno elixa e premie a unhas entidades dándolles fondos públicos e prexudique a outras deixándoos sen elas porque todas as persoas do municipio son as que aportan eses fondos públicos e, en consecuencia, todas teñen dereito a eles", advirten desde o BNG.
As nacionalistas demandan ao PSOE “que non faga no Concello de Betanzos o que critica ao PP na Xunta” e exixen que “cumpra coa palabra que asinou” para manterse na alcaldía. Convidan ao goberno de María Barral a “deixar no pasado o clientelismo de repartir subvencións municipais a dedo entre quen elixen discrecionalmente”.