"É IMPORTANTE QUE A ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL TEÑA UNHA ACTITUDE PROACTIVA, QUE OFREZA SOLUCIÓNS SEN ESPERAR A QUE A VECÑNANZA SE ACHEGUE A PEDIR, E RESULTA FUNDAMENTAL NISTO UNHA OFICINA DE REHABILITACIÓN BEN EQUIPADA, QUE DINAMICE ESTA IMPORTANTE TAREFA COMO SE FAI NOUTROS MOITOS MUNICIPIOS”.
O BNG urxe ao goberno do PSOE a actuar diante das ruínas que ameazan caer sobre a rúa

Betanzos, 20 de marzo de 2025. O BNG trasladou ao pleno a preocupación da veciñanza de moitos puntos da cidade sobre os edificios ruinosos que desprenden cascotes ou ameazan con virse abaixo sobre a vía pública. A concelleira nacionalista Vanesa Rey indicou que “por todo o concello, especialmente nos barrios e zona histórica, hai na actualidade diferentes vivendas a caer, a última que tivo traslado nos medios de comunicación na rúa Travesa, aínda que son habituais na Ribeira, no Paseo Antolín Faraldo, na Eira Vella -onde aínda está na mesma situación, cunha cinta e un valo de obra, a casa que sufriu o incendio o pasado ano- nos Anxeles... “
“Esta situación provoca problemas de seguridade á veciñanza, tanto á hora de camiñar polas beirarrúas como pola caída de cascallos e posíbeis derrubos” advertiu a edila do BNG. Lembrou que “desde o BNG pensamos que a solución non pode ser a declaración de ruína e o derrubo de todas estas vivendas, xa que isto traduciríase nunha perda importante do noso patrimonio, por iso pensamos que é fundamental que o goberno local interveña antes de chegar a estas situacións xa irreversíbeis”.
Por este motivo, demandou que se poña en marcha unha campaña de concienciación sobre a necesidade de conservación das vivendas e elementos patrimoniais. “Cremos que é fundamental concienciar, seducir e tecer complicidades para manter o noso maior activo económico, o patrimonio”, explicou. Neste sentido, indica, “é importante que a administración municipal teña unha actitude proactiva, que ofreza solucións sen esperar a que a vecñnanza se achegue a pedir, e resulta fundamental nisto unha Oficina de Rehabilitación ben equipada, que dinamice esta importante tarefa como se fai noutros moitos municipios”.
Por este motivo, Vanesa Rey preguntou ao goberno local sobre as medidas que adoptou até a data para dinamizar e mellorar o funcionamento da oficina de rehabilitación, como aprobou varias veces o pleno a iniciativa do BNG, e demandou que explique que outras medidas ten pensado adoptar para rehabilitar o parque inmobiliario construído e en que prazos.