O BNG pide á Xunta que actúe para garantir a conservación da igrexa de Santa María do Azougue

Mercedes Queixas: “A Xunta de Galiza é a administración que ten que velar pola conservación do noso patrimonio e, polo tanto, pedímoslle que actúe para garantir esta conservación e controle a execución das obras de rehabilitación contratadas”
Betanzos, 26 de febreiro de 2025. O BNG pide explicacións á Xunta, administración competente en patrimonio, en relación coa obra que se está executando na igrexa de Santa María do Azougue. “Despois de ver onte nos medios de comunicación e as redes sociais un vídeo onde se pon claramente de manifesto a incompetencia da empresa que está executando a obra contratada pola Xunta na igrexa de Santa María do Azougue, unha das mellores mostras do gótico galego, estamos francamente preocupadas polos riscos para a conservación dos seus elementos patrimoniais”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“A Xunta de Galiza é a administración que ten que velar pola conservación do noso patrimonio e, polo tanto, pedímoslle que actúe para garantir esta conservación e controle a execución das obras de rehabilitación contratadas”, engadiu a deputada do BNG.
Desde o BNG explicaron que no polémico vídeo pódese ver un guindastre elevando unha pequena formigoneira até o tellado da igrexa, dando uns evidentes bandazos que mesmo parece que chega a impactar na fachada do edificio. “O que podería provocar un dano na fachada ou algunha das fiestras e un dano irreparábel a igrexa de Santa María”, engadiu Queixas.
Por todo isto, a deputada do BNG, Mercedes Queixas anunciou que trasladará unha pregunta á Xunta de Galiza para saber se é consciente das irregularidades que se están a producir nesta obra e que pensa facer para garantir a conservación desta xoia do gótico galego.