O BNG propón dedicar os novos parques do Casco Histórico a Xohán Branco e Fernán Martíns

photocall
Xohán Branco e Fernán Martíns centraron a presentación de alternativas do BNG para renovar a Feira Franca

As nacionalistas propoñen ao Pleno que o Concello asuma directamente a xestión da remozada Pescadería en lugar da privatización parcial anunciada polo goberno local do PSOE

A demanda á Xunta de crear un centro de información á muller e mais un centro de orientación familiar comarcais volverá ao Pleno da man do BNG

O BNG propón dedicar os novos parques do Casco Histórico a Xohán Branco e Fernán Martíns

Betanzos, 25 de febreiro de 2025. O BNG propoñerá no Pleno que os novos parques do Casco Histórico leven os nomes de Xohán Branco e Fernán Martíns. As nacionalistas sinalan que os nomes propostos polo proxecto de construción, "Horto San Francisco" e "Patio Travesa" non axudan a poñer en valor a historia e patrimonio da cidade.

Deste xeito, propoñen que o parque na traseira do Conservatorio leve o nome de Fernán Martíns, o autor da Crónica Troiana que probabelmente viviu tempadas e escribiu parte da prosa medieval máis extensa conservada no mosteiro franciscano.

Para o parque da traseira do pazo de Taboada propoñen o nome de Xohán Branco, o único líder irmandiño de extracción plebea, alcalde e capitán da Irmandade ao que Betanzos debe o título de cidade e a Feira Franca e Galiza a recuperación do voto en Cortes. "Betanzos ten unha débeda pendente con el que este tributo reparará" indican desde o BNG.

En ambos os casos, propoñen rotular os parques co seu nome e mais aproveitar a existencia de medianeiras cegas para realizar senllos murais sobre os persoeiros "ofrecendo un activo artístico e un atractivo turístico máis contribuíndo a realzar esteticamente estes novos espazos e poñer en valor a historia da cidade".

Xestión pública da Pescadería

As nacionalistas propoñerán tamén ao Pleno que a remozada Pescadería sexa xestionada directamente polo Concello. Desde o BNG exíxenlle ao goberno local do PSOE que explique, ademais, os motivos polos que xa anunciou a xestión privatizada da praza de abastos sen pasalo polo Pleno e mais demandan que dean explicacións sobre o estado de tramitación da xestión da praza e mais das negociacións coas praceiras que teñen aínda concesións en vigor.

CIM e COF comarcais

A terceira moción das nacionalistas céntrase en completar servizos de ámbito comarcal que a veciñanza das Mariñas non ten actualmente. Supón reiterar á Xunta a demanda dun centro de información á muller (CIM) e un centro de orientación familiar (COF) comarcais, para evitar desprazamentos á Coruña.

O BNG propón dedicar os novos parques do Casco Histórico a Xohán Branco e Fernán Martíns