O BNG demanda ao goberno local que actúe para recuperar o camiño de San Xiao e atallar o seu deterioro

A concelleira nacionalista, Vanessa Rey, advertiu no Pleno da perigosidade que presenta o camiño de San Xiao tras as talas realizadas na beira da pista nas últimas semanas
Betanzos, 12 de marzo de 2025. O BNG advertiu no Pleno da perigosidade que presenta o camiño de San Xiao tras as talas realizadas na beira da pista nas últimas semanas. A concelleira nacionalista Vanesa Rey indicou que “coa maquinaria para levar a cabo estas talas, algunhas delas de árbores de gran tamaño, sufriu danos o firme e a estabilidade deste camiño”.
Destacan, ademais, os danos que o camiño está a ocasionar en fincas particulares e da perigosidade que presentan os valos fendidos e o quitamedos sen anclaxe no chan.
As nacionalistas lembran que o camiño “foi amañado hai poucos meses despois do derrubo que o mantivo tanto tempo cortado”, cun prexuízo evidente para as persoas que cultivan leiras pola zona e para a numerosa veciñanza que emprega este camiño cara Os Caneiros como zona de esparcemento e práctica deportiva.
Neste sentido, desde o BNG demandan ao goberno local que actúe para recuperar o camiño e atallar o seu deterioro. Urxen ao goberno do PSOE que concrete os prazos en que van reparar o camiño, recordando que “hai unha romaría que reúne milleiros de persoas no verán que, en moitos casos, utilizan este camiño para chegar ao campo dos Caneiros, polo que cómpre recuperar o camiño e cumprir as faixas de seguridade para evitar incendios forestais”.