O BNG de Betanzos presenta a súa campaña “O Casco merece máis”
As nacionalistas anunciaron actuacións a nivel municipal e no Parlamento galego para conseguir a implicación das institucións e da sociedade para reverter a actual situación do casco histórico betanceiro
Betanzos, 4 de maio de 2024.- O BNG de Betanzos presentou hoxe a súa campaña de actividades que, baixo o lema “O Casco merece máis”, pretende mobilizar a sociedade betanceira para conseguir que se mude a actual situación de decadencia do casco histórico brigantino.
Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “queremos mudar as dinámicas, con esta campaña queremos que as institucións aposten dunha maneira clara e decidida por revitalizar o casco histórico de Betanzos, mais tamén queremos implicar a sociedade”.
A primeira iniciativa no Parlamento galego que a deputada Mercedes Queixas rexistrou da comarca das Mariñas foi para instar á Xunta de Galiza a que amplíe os fondos do programa Rexurbe e acelere os trámites e os procesos de rehabilitación; tamén para que se axilicen e se faciliten os trámites para a concesión de axudas para a rehabilitación en vivendas en cascos históricos; e para que se realicen campañas para incentivar a rehabilitación privada que vaian acompañadas de novas subvencións.
A nivel municipal, o sábado 11 de maio realizarase un encontro aberto á veciñanza en que presentarán as súas propostas para o casco, unhas propostas que teñen a ver con reforzar a Oficina Municipal de Rehabilitación, cubrir as carencias dotacionais e de equipamento e impulsar accións que lle devolvan vida ao casco: traslado de oficinas e servizos públicos á zona histórica, banco de locais comerciais e reordenación dunha parte das feiras nas rúas e prazas do casco para relanzar o CCA; así como planificar a mobilidade do casco apostando decididamente pola peonalización. No acto intervirán a voceira local do BNG, Amelia Sánchez, a deputada Mercedes Queixas e o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo. A continuación, terá lugar un roteiro polo casco antigo guiado por Henrique del Río.
“Cómpre reverter a actual situación e no BNG cremos que basta de lamentármonos, é necesario actuar. O noso casco debe ser o noso motor de futuro”, concluíu a voceira nacionalista.