O BNG demandou no Pleno recuperar espazos no centro da cidade para as persoas

Vanessa Rey: “mentres a maioría de cidades europeas gañaran espazos peonís tras a pandemia, Betanzos perdeu 2000 metros cadrados en pleno centro para facer outro estacionamento”
O BNG criticou tamén que se instale un sinal para permitir aparcar as motos na praza do Campo, mentres non se acota o espazo á que fai referencia o propio sinal
Betanzos, 14 de marzo de 2025. O BNG demandou no Pleno recuperar espazos no centro da cidade para as persoas. A concelleira nacionalista Vanesa Rey indicou que “nas pasadas semanas instalouse na praza do Campo un sinal de tráfico que advirte da prohibición de aparcar na praza agás as motos no espazo acotado”. “Tendo en conta que actualmente non hai ningún espazo na praza debidamente sinalizado nin acotado as motos seguen aparcando en toda a praza, provocando o descontento da veciñanza” polo que demandou ao goberno local que evite que se ocupe “máis da metade da praza, durante as fins de semana, privando á veciñanza dun importante espazo de lecer”.
A unhas ducias de metros da praza do Campo, as queixas veciñais diríxense ao estacionamento promovido polo goberno local no paseo da Tolerancia. Vanesa Rey lembrou que “o 12 de maio de 2020, ao abeiro das medidas excepcionais da desescalada da pandemia da covid-19, o goberno local anunciaba un aparcamento provisorio de 15 prazas no Paseo da Tolerancia para compensar a perda de espazo de estacionamento para residentes nas rúas dos Ánxeles e a Cruz Verde a consecuencia da ampliación de terrazas de hostalaría para manter as distancias de seguridade, pero que hoxe en día, todas esas restricións decaeron, as terrazas volveron ao seu dimensionamento e retornaron ás rúas as prazas de estacionamento”
Malia isto, explicou “o espazo peonil a carón do Convento das Agostiñas segue ocupado por vehículos, de maneira que se priva á veciñanza de mil cen metros cadrados de área de lecer- que se podería equipar amoblamento lúdico para crianzas incluso-, e outros mil metros de paseo son sacrificados para tránsito rodado para acceder a ese entorno”.
“No BNG entendemos que podería ter sentido un tránsito tolerado en tempada estival para servizo de embarcacións mais que non sobran espazos peonís para lecer da veciñanza, polo que non entendemos que se siga sacrificando esta zona para convertela nun aparcamento, mentres que a seguen a computar como zona libre peonil nos documentos urbanísticos” explicou a edila do BNG
As nacionalistas lamentan que, “mentres a maioría de cidades europeas gañaran espazos peonís tras a pandemia, Betanzos perdeu 2000 metros cadrados en pleno centro para facer outro estacionamento”. Explican, ademais, que o aparcamento “non é utilizado maioritariamente polos residentes, posto que queda baleiro polas noites”.
Por este motivo, demandaron que se restitúa este espazo ás persoas e propoñen que sexa equipado para favorecer o lecer e esparcemento comunitario. “Nesta parte da cidade non hai ningún parque infantil e sería un bo servizo para a veciñanza da Cañota, as Monxas e Os Ánxeles”, conclúen.