O BNG reclama dotación orzamentaria propia para o Servizo de Normalización Lingüística
Amelia Sánchez: "Betanzos é unha das vilas máis castelanizadas de Galiza e só a vontade dos gobernos poderá contribuír a mudar esta tendencia"
Betanzos, 12 de maio de 2021. Coincidindo cos días previos á celebración do Día das Letras Galegas, o BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para solicitar o cumprimento da Ordenanza de usos do galego, que se aprobou en 2016, e unha dotación orzamentaria propia para o Servizo de Normalización Lingüística municipal.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “esta ordenanza foi aprobada en vésperas electorais e o seu cumprimento nunca foi unha prioridade para o goberno local socialista”. Os continuos incumprimentos teñen a ver coa sinaléctica, cos usos da lingua na páxina web oficial ou nas redes sociais e, mesmo, coa utilización do galego na atención ao público nas oficinas municipais. “Había que aprobar a norma porque unha parte da cidadanía así o reclamaba, mais cumprila xa é outra cuestión” salientou Sánchez.
Na mesma liña, a concelleira salientou a importancia da existencia dunha partida propia nos orzamentos para a aplicación desta ordenanza e para o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística. “Somos conscientes do inmenso labor que se realiza neste departamento, mais resulta imposíbel estabelecer metas e mudar dinámicas a longo prazo se se carece dun orzamento propio”, afirmou Amelia Sánchez.
Betanzos é unha das vilas máis castelanizadas do noso territorio e só unha vontade explícita do goberno local poderá contribuír a que mude esta tendencia.
A moción contou co apoio unánime do pleno.