O Casco Histórico, motor de futuro de Betanzos e das Mariñas
Cómpre reverter ese lento decaer e tornalo en futuro e en ilusión e cremos que só se pode conseguir esa mudanza coa implicación de todos os sectores da sociedade betanceira.
Cómpre reverter ese lento decaer e tornalo en futuro e en ilusión e cremos que só se pode conseguir esa mudanza coa implicación de todos os sectores da sociedade betanceira.
Pensemos todas naquilo que fai único e diferente a Betanzos: o Pasatempo, o Mandeo e a súa contorna, os nosos barrios e as súas xentes... mais hai un elemento que destaca por riba dos demais. O Casco Histórico é o que define a Betanzos como tal e lle outorga a súa personalidade de antiga capital do Reino de Galiza.
Nos últimos anos os veciños e veciñas de Betanzos vimos asistindo como espectadores impasíbeis a un lento esmorecer, á decadencia da zona antiga do noso Concello. Vemos como as casas se deterioran e caen, asistimos á pasividade e á inacción dos diferentes gobernos, comprobamos como se baleira o casco de veciñanza e de comercio... e calamos.
Desde o BNG cremos que cómpre cambiar esta dinámica. Cómpre reverter ese lento decaer e tornalo en futuro e en ilusión e cremos que só se pode conseguir esa mudanza coa implicación de todos os sectores da sociedade betanceira.
Precisamos que o goberno local impulse as medidas e os regulamentos necesarios, en especial un Plan Especial de Protección e Rehabilitación Integral que dea cumprimento ás novas necesidades e sensibilidades na recuperación do conxunto histórico. Cómpre un reforzo da Oficina Municipal de Rehabilitación, cubrir as carencias dotacionais e de equipamento e impulsar accións que lle devolvan vida ao casco: traslado de oficinas e servizos públicos á zona histórica, banco de locais comerciais e reordenación dunha parte das feiras nas rúas e prazas do casco para relanzar o CCA. E resolver o problema da mobilidade: só funcionan social e economicamente os cascos que restrinxen a circulación de coches e devolven espazos ás persoas, como demostran as experiencias de Allariz e Pontevedra.
Unhas medidas que se encamiñarían a un único obxectivo: devolverlle o casco histórico ás familias betanceiras. Facer del un lugar vivo e habitábel para as familias, un lugar con futuro.
Porén, un labor tan complexo precisa tamén do goberno galego. A Xunta, posuidora das competencias en patrimonio e en vivenda, debe posicionarse e facer una aposta clara polo noso casco: ampliar os fondos do programa Rexurbe e acelerar os trámites e os procesos de rehabilitación; axilizar e facilitar os trámites para a concesión de axudas para a rehabilitación en vivendas en cascos históricos; e realizar campañas para incentivar a rehabilitación privada que vaian acompañadas de novas subvencións.
Só faltaría un axente indispensábel para cambiar as dinámicas: os veciños e veciñas de Betanzos. Só conseguiremos cambiar a situación actual esixindo accións concretas, basta de lamentármonos e actuemos. O noso casco debe ser o noso motor de futuro, un elemento xerador de riqueza económica, o foco irradiador da cultura betanceira e o punto de referencia patrimonial do norte de Galiza.
Entre todas podemos facer realidade o soño dun casco vivo e cheo de futuro. Actuemos.