“LOGO DE CONSULTAR PERSOAL ESPECIALIZADO NA MATERIA INFÓRMANNOS DE QUE ESTAS PODAS, QUE ELES DENOMINAN DESMOUCAS, SON FONDAMENTE DANIÑAS PARA AS ÁRBORES E ADOITAN ACABAR CON BOA PARTE DELAS”
O BNG volve advertir sobre as agresivas podas no arboredo

Betanzos, 14 de febreiro de 2025. O BNG alertou na pasada sesión plenaria sobre as podas agresivas que sofren as escasas árbores que viven no núcleo urbano de Betanzos, nunha “alerta que desgrazadamente temos que lanzar cada ano nesta época” advertiu a concelleira nacionalsita Vanessa Rey.
“Neste caso, foi a veciñanza do Casco Histórico a que alertou das podas desmedidas das camelias das inmediacións da igrexa de San Francisco, así como da poda das raíces do magnolio centenario que está fronte á igrexa de Santiago” abundou a concelleira do BNG.
“Logo de consultar persoal especializado na materia infórmannos de que estas podas, que eles denominan desmoucas, son fondamente daniñas para as árbores e adoitan acabar con boa parte delas” espuxo. Por este motivo, demandou ao goberno local do PSOE que aclare por que se opta por estes traballos.
A edila do BNG lembra que para o magnolio centenario de Lanzós demandaron hai anos “un programa anual de coidados e podas de formación que garantan a súa saúde, sen que polo momento o goberno local fixese máis que revolver as raíces estas pasadas semanas”.
"Se sempre dicimos que as árbores son patrimonio, para canto máis esta que é das poucas árbores centenarias que temos na nosa cidade e que suma patrimonio natural e histórico", engade a nacionalista. Neste sentido, desde o BNG volven propoñer ao executivo local que se solicite, a fin de garantir a súa conservación e posta en valor, a catalogación coma árbore senlleira.
Máis árbores nas rúas
Desde o BNG propoñen como alternativa impulsar unha política realmente ecolóxica que redunde no coidado activo das zonas verdes e dos parques da cidade “substituíndo macetas por zonas verdes de calidade”.
A edila nacionalista propón ademais que se repoñan árbores de todos os lugares onde foron retirados nos últimos anos. ”A nosa cidade ten un déficit enorme de espazos verdes, e, cando menos, as árbores nos espazos públicos, entre outros beneficios, axudan a suplir en parte esta carencia” explica.