O BNG advertiu da destrución dun tramo da muralla medieval da cidade na rúa do Valdoncel
Desde o BNG reclamaron ao goberno local que adopte medidas urxentes para garantir a conservación da muralla da cidade, e que esixa a reconstrución do tramo derrubado
O BNG avanzou, ademais, que trasladará o asunto ao Parlamento de Galiza para coñecer se Patrimonio autorizou os traballos desenvolvidos neste tramo da muralla medieval de Betanzos e os motivos polos que se tolerou a demolición
Betanzos, 28 de outubro de 2022.- O BNG advertiu da destrución dun tramo da muralla medieval da cidade na rúa do Valdoncel. “A muralla da cidade era visíbel nun solar da rúa do Valdoncel, mais despois duns traballos preliminares para construír ou sanealo, esta parte da muralla aparece derruída e coas pedras amoreadas a modo de entullo de obra”, explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
"Non parece que o goberno local tomase accións ao respecto para garantir a conservación da muralla da cidade, que está catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC)” explica a voceira do BNG, Amelia Sánchez. “Nin nas actas da xunta de goberno local figura que se acordase nada ao respecto nin se nos informou á oposición nin á veciñanza en ningún momento”, engadiu Sánchez.
Desde o BNG reclamaron ao goberno local que adopte medidas urxentes para garantir a conservación da muralla da cidade, e que esixa a reconstrución do tramo derrubado. As nacionalistas recordan que durante o longo mandato do PSOE a muralla padeceu outras agresións. "No 2014 produciuse outra demolición da muralla no solar contiguo a este, e sen saír da rúa do Valdoncel, o cronista alertou ao goberno local de que se destruíra parcialmente unha torre na porta do Hórreo, sen que o goberno adoptase medida ningunha”, engaden. Do mesmo xeito, desde o BNG lembran que o goberno do PSOE permitiu que se tapase outra torre da muralla que apareceu en moi boas condicións ao demoler un edificio na rúa da Fonte de Unta, entre outras agresións á cerca medieval.
As nacionalistas exixiron ao goberno local "accións contundentes" para preservar a muralla medieval, "un patrimonio de todas, que nos fai diferentes como cidade". "O patrimonio é o que fai diferente a Betanzos, cada vez que se destrúe unha parte del, empobrecémonos como cidade e sociedade e o goberno local non pode ser cómplice disto", abunda Amelia Sánchez.
O BNG avanzou, ademais, que trasladará o asunto ao Parlamento de Galiza para coñecer se Patrimonio autorizou os traballos desenvolvidos neste tramo da muralla medieval de Betanzos e os motivos polos que se tolerou a demolición