O BNG solicita a convocatoria da bienal Balconadas
O certame de arte nas rúas do casco histórico convocouse por última vez no ano 2019.
Betanzos, 19. de setembro de 2022.- O BNG de Betanzos preguntou pola non realización do certame de arte Balconadas, de carácter bienal e que non se convoca desde o ano 2019. Este concurso, que ten como escenario o casco histórico de Betanzos desenvolvíase desde 1988, contaba cunha media de 130 obras participantes e tiña lugar nos meses de verán, coa participación de artistas de todo o mundo.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “a última das edicións tivo lugar en 2019, cando se convocou unha edición especial con motivo do 800 aniversario do traslado da nosa vila ao seu actual emprazamento. Por tanto, hai tres anos que non se organiza este importante e interesante concurso, que non presentaría ningunha incompatibilidade coas condicións sanitarias que estabelecera a pandemia da Covid-19, ao se desenvolver ao aire libre e non implicar aglomeracións de persoas”.
As nacionalistas preguntaron os motivos polos que non se convocou nin en 2021 nin en 2022, en cuxo verán se retomou a normalidade post-pandémica, e se o Concello de Betanzos ten pensado organizar un novo certame de Balconadas para o próximo 2023.