O BNG pide actividades divulgativas polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

As nacionalistas volven pedir que se instale sinalización con pictogramas nos edificios públicos para garantir a inclusión deste colectivo
Betanzos, 31 de marzo de 2025. O BNG preguntou ao goberno local do PSOE se ten pensado adherir Betanzos á conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, fixado pola ONU en 2007 cada 2 de abril. O concelleiro do BNG Salvador González lembrou que “o obxectivo deste día é aumentar a concienciación sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA) e promover a inclusión e o respecto cara ás persoas con autismo en todos los ámbitos da sociedade”.
“Cada ano, esta conmemoración busca derrubar barreiras e fomentar a comprensión e a inclusión, destacando a importancia do acceso á educación, ao emprego e o benestar para as persoas con TEA” lembrou o edil nacionalista, que recordou que “unha das maneiras de dar visibilidade a esta data é a iluminación de edificios significativos en cor azul”
Por este motivo, o BNG solicitou ao goberno local do PSOE que secunde a iniciativa alumeando en azul o Pazo Municipal o vindeiro 2 de abril, como fai noutras datas sinaladas. O concelleiro do BNG Salvador González solicitou que, ademais, explique publicamente o significado desta data nas redes sociais municipais
Pictogramas nos edificios municipais
O edil nacionalista reiterou, ademais, a petición de que se adopten por parte do goberno municipal medidas para facilitar a inclusión das persoas con TEA, principalmente a colocación de pictogramas nos edificios municipais. O concelleiro do BNG Salvador González recordou que esta foi unha medida acordada polo pleno, mais que está por se cumprir. “Na cantidade de sinais novos que está a instalar o goberno local, a veces ubicados de forma molesta para os viandantes, non están estes sinxelos pictogramas que facilitarían a vida a unha parte da nosa veciñanza” lamentou.