Hai unhas semanas o pleno do Concello de Betanzos aprobou, co voto en contra do Bloque Nacionalista Galego, a compra do coñecido como edificio dos sindicatos na avenida da Coruña.
Para explicar a nosa postura, cómpre facer un pouco de historia. Na década dos 50, o noso municipio cedíalle de maneira gratuíta ao Ministerio de Traballo os terreos para que se levantase a construción. O edificio ergueuse nos anos 60 do século pasado e estivo en uso con normalidade até que, en 2013, foi tapiado sen previo aviso polo Ministerio e comezou o seu deterioro. A día de hoxe, o local atópase nun estado de total abandono e converteuse nun foco de problemas, contribuíndo á imaxe de degradación que o parque Pablo Iglesias ofrece.
Logo de varios anos de negociacións e de que o Estado se negase en redondo á súa cesión, o goberno local do PSOE levou a pleno unha proposta de compra da edificación por 284.510 euros. É dicir, o conxunto da veciñanza de Betanzos deberá pagarlle ao Estado por un edificio nun estado deplorábel e construído nuns terreos que todas e todos nós cedemos de balde. Nun momento de crise como o que estamos a vivir, o goberno municipal negocia unha compra a pagar até 2026 e que, ademais, esixiría un desembolso considerábel para a súa rehabilitación e dotación de contidos, posto que o proxecto que nos presenta a goberno de Barral non indica unha finalidade clara dos usos para os que vai ser destinado.
Desde o BNG consideramos que o goberno central debería ceder este inmóbel gratuitamente, como fixo nos casos doutros edificios propiedade do Estado noutros concellos, sen que isto provocara ningún problema legal. Desde o Concello repítese até a saciedade que a cesión é imposíbel ao se tratar de patrimonio sindical acumulado (curiosamente, a venda si é factíbel), mais en Galiza temos un exemplo similar no concello de Cervo, onde o Estado si facilitou a cesión gratuíta da Casa do Mar.
Comprar sen unha proposta de uso algo que tería que ser cedido de forma gratuíta é tirar co diñeiro e pagar polo que era noso, cando menos, non semella xusto.