O BNG pide melloras no parque Pablo Iglesias
O parque Pablo Iglesias debería ser o lugar de referencia para as actividades familiares, deportivas e lúdicas ao aire libre, mais o seu estado é lamentábel.
Betanzos, 7 de setembro de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para esixir melloras no parque Pablo Iglesias, no barrio da Ribeira brigantino.
Para as nacionalistas, o parque atópase nunha zona privilexiada da cidade, a carón das zonas escolares e do río Mendo, o que debería converter no pulmón verde do núcleo urbano.
Non obstante, segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “o parque infantil que se atopa nas traseiras do edificio sindical non pode ser usado e, mesmo, supón un perigo para as crianzas (sen escaleiras para subir ao tobogán, con pezas soltas e sen parafusos). O mobiliario urbano aparece cheo de pintadas, as zonas de tránsito están cheas de brión e das follas que caeron o outono pasado e os restos de podas e de lixo acumúlanse por todo o parque”.
As nacionalistas lembraron que o goberno local tiña anunciado un proxecto de mellora do parque por 95.000 euros en maio de 2021, anuncio que aínda non se materializou.
No BNG indican que se debería apostar por converter o parque Pablo Iglesias nese lugar de referencia para as actividades familiares, deportivas e lúdicas ao aire libre, dada a carencia de zonas verdes e de lecer no centro da cidade. “Cómpre mellorar o aspecto desta zona e dotala de contidos e de usos”, engadiu Sánchez.