O BNG solicita melloras na xestión do servizo de comedor e mañanceiros do CEIP Vales Villamarín
Os servizos de comedor e de mañanceiros son indispensábeis para a conciliación da vida familiar e laboral, polo que é necesario mellorar a súa xestión, actualizar o proceso de notificación das admisións e das bonificacións e realizar os trámites necesarios para eliminar as dúas quendas, indicou Amelia Sánchez.
No mesmo pleno solicitarase o mantemento, mellora, sinalización e posta en valor do camiño dos Caneiros, pechado de maneira parcial logo de varios derrubes no seu trazado.
Betanzos, 26 de setembro de 2022.- O BNG de Betanzos solicitará ao goberno local que mellore a xestión do servizo de comedor e de mañanceiros do CEIP Francisco Vales Villamarín e que se revise a relación de bonificacións logo das queixas das familias afectadas na sesión plenaria ordinaria do mes de setembro.
Segundo a voceira nacionalista no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez, “múltiples familias teñen amosado o seu malestar pola xestión do servizo de comedor. Cada ano se retrasa máis o período de solicitudes, polo que tamén se retrasan as adxudicacións.”
As nacionalistas remarcaron o malestar das familias polo sistema de notificación das bonificacións e polas súas contías. “Neste ano, cómpre chamar de maneira individual a Servizos Sociais para coñecer a contía das bonificacións e non hai período de reclamación para as mesmas”, engadiu Sánchez.
A voceira do BNG recalcou que son varias as familias que lles fixeron chegar a súa estrañeza ao ver como se reducían as bonificacións que lles correspondían cando a súa situación económica non variara ou, mesmo, empeorara. “O goberno local prometeu que as bonificacións ían aumentar coa nova ordenanza e, na práctica, pasou todo o contrario”.
Canto ao funcionamento do comedor, pedirán explicacións polo mantemento das dúas quendas e por non ter solucionado a falta de espazo no comedor coas obras de ampliación necesarias. “Este servizo é fundamental para a conciliación familiar e as familias usuarias non van diminuír, polo que cómpre darlle solución a esta problemática o máis axiña posíbel”.
Na mesma liña, esixiu que se devolva o importe do mes de setembro a aquelas familias que tiveron que renunciar ao uso do servizo por non adecuarse ás súas necesidades.
Melloras no camiño dos Caneiros
No mesmo pleno, o BNG solicitará que se arranxen os problemas que afectan ao camiño que dá acceso ao campo dos Caneiros, onde faltan tramos dos valados, hai árbores caídas sobre o camiño e o trazado esixe unha limpeza integral de maleza e de lixo de todo tipo.
Segundo Amelia Sánchez, “desde que se abandonou o proxecto do polémico paseo aos Caneiros, en xaneiro de 2015, o camiño sufriu un desleixo progresivo, que fai que estea pechado nalgúns dos seus tramos”.
Para as nacionalistas, esta zona resulta un activo turístico e medioambiental de primeira orde para Betanzos e contribúe ao fomento dos hábitos de vida saudábeis e a un mellor coñecemento do contorno e do patrimonio natural. Por iso esixen o seu mantemento, sinalización e a realización de actividades para a súa posta en valor.