O BNG propón dedicar o Meléndez de Texeda ás adegueiras que mantiveron o viño do país

“Fernán Martíns e Xohán Branco son persoeiros medievais que aportaron unha obra capital da nosa literatura e o título de cidade para Betanzos, polo que semella lóxico poñer en valor as súas figuras no propio Casco Histórico”
Dedicar o edificio do club náutico a Carlos Arévalo e os parques de xogos infantís a autoras de literatura infantil, outras propostas
Betanzos, 7 de marzo de 2025. O BNG proporá na Comisión de Honras dedicar o premio Úrsula Meléndez de Texeda, que concede o Concello de Betanzos cada 8 de marzo, ás mulleres que mantiveron abertas as adegas do viño do país. “Cremos que este ano, que o Día das Letras se dedica á música popular oral, é un bo momento para recoñecer as mulleres que mantiveron abertas as bodegas do viño do país, un lugar onde esa música popular foi e aínda é espallada e conservada”, indican as nacionalistas.
“Estas mulleres, baixo o ramo de loureiro, mantiveron ao tempo a tradición das adegas e a elaboración do viño e abriron as portas das súas casas para manter e difundir esa outra parte da nosa cultura, conservando mesmo cancións de temas locais que doutro xeito terían desaparecido”, explica Vanessa Rey. “Unimos o recoñecemento ás mulleres, ao cultivo do viño e á nosa música tradicional nesta proposta”, abunda.
Fernán Martíns e Xohán Branco para os parques do Casco Histórico
O BNG insistirá na comisión en dedicar o novo parque de San Francisco a Fernán Martíns, autor da Crónica Troiana e antigo morador do mosteiro franciscano, e a Xohán Branco, escribán e capitán irmandiño, o parque da traseira da Pescadería. “Son persoeiros medievais que achegaron unha obra capital da nosa literatura e o título de cidade para Betanzos, polo que semella lóxico poñer en valor as súas figuras no propio casco histórico”, explica Rey.
Nomes para os parques infantís
O BNG proporá, ademais, nomear os parques infantís do municipio cos nomes de autores e autoras galegas de literatura infantil, “estabelecendo un vínculo entre dúas formas de lecer complementarias”. Neste sentido, achegan nomes como Neira Vilas- cuxa mestra do Neno Labrego era betanceira-, Agustín Fernández Paz ou Paula Carballeira e Ledicia Costas.
Ademais, proporá darlle o nome do padexeiro Carlos Arévalo ao edificio do club náutico do porto e apoiará dedicar o pavillón a José María Valeiro. As nacionalistas lembran que xa se propuxera no pleno nomear como “Xardín do 28 de xuño” o espazo á beira do Mendo no Carregal que conta cos bancos decorados coa bandeira do Orgullo LGBT+.