O BNG solicita a limpeza do cemiterio e propón o seu aproveitamento turístico
As nacionalistas solicitan a limpeza e o mantemento do Cemiterio Municipal, ao tempo que propoñen a elaboración dunha ruta turística que explote a potencialidade do camposanto e do barrio dos Remedios.
Betanzos, 31 de outubro de 2022. Coincidindo coa celebración das dúas festividades que teñen a ver coa mestura e a interrelación ente os mundos do aquén e do alén (o Samaín e o Día de Defuntos), o BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria en que solicitan o mantemento e a posta en valor do cemiterio municipal e do barrio en que se sitúa.
En palabras da voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “nestas datas, as persoas acoden con frecuencia aos cemiterios para prestar os seus respectos e para lembrar aos seus defuntos. Así, son moitas as veciñas e veciños de Betanzos que nos amosan o seu desgusto polo lamentábel estado de conservación do Cemiterio Municipal, especialmente na parte antiga, onde prolifera a maleza, as rúas están cheas de malas herbas e brión e é necesaria unha limpeza exhaustiva”.
Para as nacionalistas, o goberno local non está a realizar os labores de limpeza e de mantemento que o cemiterio necesita e que a veciñanza de Betanzos demanda con asiduidade e esixen un plan de limpeza integral do camposanto.
Aproveitamento turístico
Asemade, e en sintonía co que outras cidades e vilas europeas veñen a facer, o BNG de Betanzos propuxo explotar a potencialidade do cemiterio para as rutas turísticas e como destino obrigado das persoas que visitan a vila.
Segundo Sánchez, “o Cemiterio Municipal de Betanzos posúe unha interesante historia, posúe túmulos de persoeiros de importancia no noso pasado e permite unhas panorámicas privilexiadas da vila e do casco histórico”.
As nacionalistas solicitan ao goberno local que estude a posibilidade de elaborar unha ruta turística que explote a potencialidade do cemiterio, así como da igrexa da Nosa Señora do Camiño e da totalidade do barrio dos Remedios co fin de promocionar os barrios de extra muros de Betanzos.