O BNG pide ao Pleno que esixa ao goberno do Estado investimento no baipás de Infesta
No BNG defendemos a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade, sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro”
Betanzos, 24 de outubro de 2022.- O BNG pide ao Pleno que esixa ao goberno do Estado investimento no baipás de Infesta. “A realización da obra do baipás de Infesta, que evitaría que os trens que percorren a liña tivesen que inverter a marcha e que suporía un primeiro investimento real na modernización do trazado, leva anos sendo ignorada polos diferentes gobernos do Estado”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Os gobernos centrais, tanto do PP como do PSOE, ignoran esta obra, que consistiría na realización dun ramal de conexión directa que discorrería ao norte do polígono de Piadela”, engadiu.
“Na proposta de Orzamentos do Estado que o PSOE ven de presentar rebaixan a reserva de investimento para esta obra a uns ridículos 27 mil euros. Xa en anos anteriores reservaran partidas irrisorias, que ademais nunca se chegaron a executar. Desde o ano 2013 que se sometera un primeiro proxecto de trazado a exposición pública nunca se produciu ningún avance neste sentido”, indicou a portavoz nacionalista.
“No BNG defendemos a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade, sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro”, explicou Sánchez. “Cada vez a demanda dun transporte público de calidade é maior, sobre todo nos últimos meses coa subida dos combustíbeis e as bonificacións dos presos dos billetes, pero para que este transporte poida ser utilizado pola veciñanza ten que ter frecuencias e condición adecuadas, por iso defendemos que dunha vez o goberno do Estado aposte polo tren e as cercanías como solución aos problemas de mobilidade da nosa comarca”, concluíu.
Protección do patrimonio cultural e natural
Desde o BNG trasladarán tamén ao Pleno a preocupación polo impacto tanto na Torre do Reloxo como na propia Rede Natura da proba deportiva que se celebrou os días 8 e 9 de outubro. “Esta competición deportiva, con partes do trazado a pé, en bicicleta e en kaiak transcorreu polo espazo natural protexido polo ZEC Betanzos-Mandeo e contou cun descenso en rápel pola torre do reloxo”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Pedimos á Xunta de Galiza e ao concello a que aclare os motivos para a autorización desta proba nese trazado, a pesar do impacto que poida causar no patrimonio cultural e natural”, engadiu.