O BNG amosa a súa preocupación pola realización dunha proba deportiva na Torre do reloxo
Consideramos que a práctica deportiva non pode poñerse por diante da conservación do patrimonio de todas as betanceiras.
Betanzos, 8 de outubro de 2022.- O BNG amosou a súa fonda preocupación pola inclusión nunha proba deportiva de descenso en rapel pola Torre Municipal do Reloxo, situada en pleno casco histórico e protexida patrimonialmente. “Consideramos que a práctica deportiva non pode poñerse por diante da conservación do patrimonio de todas as betanceiras” explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
“No BNG estamos a favor de que se realicen actividades deportivas ou de calquera outra índole, mais existen outros espazos máis apropiados para a realización dunha proba de rapel que un elemento patrimonial”. A torre do reloxo, de propiedade municipal, conta cun dos escudos máis antigos da cidade, un escudo que foi utilizado para o descenso e que puido correr perigo. Para a voceira do BNG “este triste incidente dá idea da preocupación que o goberno local do PSOE amosa sobre a conservación e protección do patrimonio: é a segunda vez nesta lexislatura que temos que observar como se agride o patrimonio de todas para actividades deste tipo”, lembrou Sánchez, facendo referencia á construción dunha pista de salto nas inmediacións da fonte das Catro Estacións do Pasatempo.
“No BNG levamos anos demandando que se rehabilite a torre municipal, que presenta un deterioro máis que evidente e a resposta do PSOE é non atendela e expoñela aínda a máis degradación” lamenta Amelia Sánchez.
Desde o BNG pedirán explicacións ao goberno local para que aclare “quen deu autorización para esta actividade e se conta cos permisos pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza”.
Neste sentido, as nacionalistas avanzaron que levarán o asunto á vindeira sesión plenaria. Ademais, anticipan, trasladarán o asunto ao Parlamento de Galiza para que Patrimonio adopte as medidas que correspondan. “O patrimonio é o que fai única a Betanzos, a locomotora que ten que tirar do desenvolvemento do municipio e este tipo de comportamentos van en contra deste elemento estratéxico de Betanzos” conclúe a líder do BNG.