Propoñemos no Pleno melloras na recollida do lixo e un plan de compostaxe
As nacionalistas propoñerán que o Concello implante un programa de educación ambiental para a redución do lixo que se xenera, contemplando a xestión de residuos orgánicos mediante a compostaxe caseira e comunitaria.
“Se a concesionaria retira menos lixo, a factura que pagamos as veciñas será menor”
As nacionalistas propoñerán que o Concello implante un programa de educación ambiental para a redución do lixo que se xenera, contemplando a xestión de residuos orgánicos mediante a compostaxe caseira e comunitaria.
“Se a concesionaria retira menos lixo, a factura que pagamos as veciñas será menor”
Betanzos, 24 de abril de 2017. O BNG propoñerá mañá no Pleno que o Concello implante un programa de educación ambiental para a redución do lixo que se xenera en Betanzos. As nacionalistas propoñen que, ademais, este novo programa inclúa a xestión de residuos orgánicos mediante a compostaxe caseira e comunitaria. “Consideramos que reducir as toneladas de lixo que produce o noso municipio debería ser un obxectivo do Concello” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Para poder levar adiante estas iniciativas, o BNG propoñerá ao Pleno que o goberno local presente, nun prazo máximo de tres meses, un proxecto de orzamentos que inclúa a contía suficiente para implantar estes programas de educación ambiental e compostaxe. “O compromiso co medio ten que se verificar en cartos contantes e sonantes para pasar das palabras á realidade”, explica o edil do BNG.
Se a concesionaria retira menos lixo, a factura que pagamos as veciñas será menor
“Somos conscientes de que boa parte da xestión do lixo está cedida ao Consorcio das Mariñas”, explica Del Río. Por este motivo, o BNG propoñerá ao Pleno que os representantes do Concello no Consorcio demanden unha revisión do actual modelo de recollida do lixo coa mellora da recollida selectiva, incluíndo alí onde sexa axeitada a recollida porta a porta, e das actuacións de prevención a través da educación ambiental e a implantación da compostaxe doméstica e comunitaria.
“Na asemblea de concelleiros que ía crear a mancomunidade, desde o BNG denunciamos as eivas e carestía do sistema que mantén o Consorcio e que recicla moi pouco de canto recolle”, relata Del Río. “E logo de negar canto diciamos todos os alcaldes, veñen de contratar unha auditoría do servizo e outro contrato para xestionar todos os rexeitamentos de Nostián”, apunta. “Polo tanto, parece que si que precisa unha posta a punto o modelo do Consorcio, e nós defendemos reducir o volume de lixo orgánico e mellorar a recollida e tratamento en base ao xa famoso 'Triple R' de reducir, reciclar e reutilizar” explica Del Río.
“Se a concesionaria retira menos lixo, a factura que pagamos as veciñas será menor”, explica Del Río. As nacionalistas consideran que a compostaxe é unha opción para reducir a cantidade de lixo orgánico que xenera o municipio, reducindo a factura que o Consorcio cobra logo a Concello e veciñanza. Desde o BNG engaden que, ademais de reducir a factura, cun programa de compostaxe nas parroquias a veciñanza podería obter de xeito gratuíto un fertilizante natural para as hortas. “E os cartos que se aforran no servizo poderían ser destinados a outros investimentos para a comunidade”, engade Del Río.