O BNG denuncia a complicidade do PSOE na estafa do lixo
O goberno local do PSOE está a dar por bo que paguemos máis que os veciños da comarca que levan o lixo a queimar a Sogama cando o servizo é o mesmo.
Betanzos, 16 de setembro de 2013. O BNG lamentou que o goberno local do PSOE se negue a reclamarlle ao Consorcio que rebaixe a taxa de recollida do lixo se non está disposto a exixir á concesionaria que recicle o 65% do lixo recollido, tal e como obriga o contrato. Segundo explicaron os traballadores da concesionaria, na planta de Nostián- a onde vai o lixo de Betanzos- apenas se recicla o 5% dos refugallos.
Segundo denunciaron no Pleno os nacionalistas, en Betanzos pagamos de media uns 120 pola recollida selectiva e tratamento do lixo, mentres que nos concellos da comarca que levan o lixo a Sogama o recibo non sobe dos 70. O goberno local do PSOE está a dar por bo que paguemos máis que os veciños da comarca que levan o lixo a queimar a Sogama cando o servizo é o mesmo, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os e as betanceiras estamos pagando por unha recollida selectiva e unha reciclaxe de envases e compostaxe de materia orgánica que non se dá advirten desde o BNG. O goberno do PSOE recoñeceu no Pleno que era coñecedor desta situación pero négase a rebaixar a taxa e axustala ao servizo que realmente se lle dá á veciñanza, denuncian.
PSOE e PP están conformes con que paguemos un servizo que non temos e néganse a exixirlle á empresa que cumpra coas súas obrigas advirten os nacionalistas. Defenden ante todo a comenencia da empresa en lugar de defender a unha veciñanza que paga por unha recollida selectiva e reciclaxe do lixo que custa 120 cando en realidade o lixo estase queimando cun coste de 70, están defendendo que se estafe aos seus veciños e veciñas, lamentan.
Para o BNG non é indiferente se o lixo se recicla ou se vai todo para queimar, advirte o voceiro nacionalista. Logo veñen os xogos florais a conta do medio ambiente, coa Reserva da Biosfera ou co que sexa, pero á hora da verdade tanto PSOE como PP defenden queimar o lixo a coste de reciclaxe, conclúen.
O xerente de Albada négase a recibir aos voceiros do BNG
Os voceiros do BNG nos concellos do Consorcio das Mariñas tentaron manter unha xuntanza co xerente da concesionaria. A empresa negouse a recibir aos portavoces municipais do BNG e denegou igualmente unha visita dos edís nacionalistas á pranta que presuntamente recicla o lixo da área metropolitana. Se o contrato estivese cumpríndose perfectamente non creo que tivesen problema algún en permitirnos pasar para coñecer o que sucede, indican.