Del Río escribe sobre a factura do lixo e o tratamento que se lle dá
"Segundo denuncia o comité de empresa de Albada, a cantidade de refugallos que se recicla en Nostián non chega ao 5%. O resto, como a propia prensa ten evidenciado, remata eliminado do mesmo xeito que en Sogama".
Betanzos, 5 de setembro de 2013. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' deste mes recolle nas súas páxinas un artigo de opinión do noso voceiro, Henrique del Río, sobre a recollida selectiva do lixo que pagamos coa taxa e o tratamento que a concesionaria lle dá. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.
Consorcio das Mariñas: o timo do lixo
Nos anos 90 o Concello de Betanzos decidiu integrarse no Consorcio das Mariñas, apostando pola reciclaxe e a compostaxe como método de tratamento do lixo fronte ao modelo que o PP desde a Xunta defende, coa incineración de todo o lixo en Sogama. O lixo dos concellos do Consorio vai así a parar á planta coruñesa de Nostián, que xestiona a empresa privada Albada. Así, o recibo do lixo, que recibimos cada seis meses na casa, en teoría sería unha taxa pola recollida selectiva e reciclaxe e tratamento de residuos.
Segundo denuncia o comité de empresa de Albada, a cantidade de refugallos que se recicla en Nostián non chega ao 5%. O resto, como a propia prensa ten evidenciado, remata eliminado do mesmo xeito que en Sogama ou soterrado, nalgún caso na cabeceira do Mandeo.
Albada incrementou a súa facturación en máis de 100 000 euros respecto do primeiro trimestre de 2012 e o Grupo Urbaser- de Florentino Pérez-, ao que pertence, recadou máis de 146 millóns de euros en beneficios. Esta empresa concesionaria non está reciclando nin separando os refugallos e polo tanto cobra por un servizo que non realiza, o que é unha estafa que acabamos pagando todos e todas.
Pagar máis polo mesmo non semella, desde logo, algo intelixente
Polo tanto, estamos pagando polo lixo máis do que paga un veciño de Coirós ou unha veciña de Miño, concellos que eliminan o seu lixo mediante incineración en Sogama. Os e as betanceiras estariamos pagando por unha recollida selectiva e unha reciclaxe de envases e compostaxe de materia orgánica que non se dá. Pagamos 120 de media por este servizo, mentres nos concellos da comarca que levan o lixo a Sogama o recibo non sobe dos 70. Pagar máis polo mesmo non semella, desde logo, algo intelixente.
Para o BNG non é en absoluto indiferente o sistema de eliminación do lixo que se aplique, polo tanto o problema non se reduce ao prezo que cobre a concesionaria: a incineración e/ou o depósito en vertedoiros é un atentado contra a saúde e o medio natural. Por iso levamos unha moción ao Pleno para reclamar que a empresa cumpra co contrato ou, en caso contrario, sexa rescindido.
No debate plenario o alcalde do PSOE recoñeceu que sabía o que está acontecendo co lixo, mais votou en contra da nosa moción. PSOE e PP están conformes con que paguemos un servizo que non temos e néganse a exixirlle á empresa que cumpra coas súas obrigas.