Del Río: Reservaremos as beiras dos ríos como zonas verdes con equipamentos deportivos e sendeiros
Con plantas de compostaxe comunitaria nas aldeas esteremos reducindo a factura do lixo e ao tempo obteremos abono para as hortas da veciñanza e os xardíns municipais.
Betanzos, 18 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas presentou as súas propostas para mellorar o medio ambiente en Betanzos. As nacionalistas defenden paralizar o paseo do Mandeo pola Cañota e San Xiao e recuperar de forma ecolóxica o bordo fluvial degradado dos ríos nas zonas do Frade, O Areal, A Acea, Cañota, o Xuncaliño, Caraña,... Reservaremos as beiras dos ríos como zonas libres, zonas verdes, con equipamentos deportivos e sendeiros ambientais, programas de hortas comunitarias, etc de forma que garantan a conservación do medio e dos valores etnográficos do labradío explicou o candidato, Henrique del Río.
Para acompañar estas medidas as nacionalistas apostan por mellorar o medio ambiente urbano coa ampliación das zonas verdes e a plantación de árbores axeitadas ás condicións que presentan as rúas do centro da cidade. Levaremos adiante programas de educación ambiental a prol da diversidade, como editar guías, campañas de repoboación con árbores autóctonas, variedades froiteiras do país ou instalación de casetas para aniñar paxaros, explica Del Río. E unha campaña potente de eliminación de especies invasoras, apunta.
Neste sentido, desde BNG-Asembleas Abertas entenden que a xestión de residuos xoga un papel fundamental na política ambiental do Concello. Así, ademais de reducir o impacto da administración municipal no consumo de papel ou enerxía, apostan por implantar sistemas de tratamento de residuos sólidos e augas residuais que sexan realmente sustentábeis e autosuficientes. Con plantas de compostaxe comunitaria nas aldeas esteremos reducindo a factura do lixo e ao tempo obteremos abono para as hortas da veciñanza e os xardíns municipais, explica Del Río.
Saneamento en brañas artificiais, máis barato para a veciñanza
Do mesmo xeito, os nacionalistas defenden rematar a rede municipal de saneamento por medio dun modelo descentralizado e ecolóxico como son as brañas artificiais. Estas balsas biolóxicas, con plantas que transformen as augas residuais, son máis eficientes que as tradicionais depuradoras. De feito, insistiu en que o custe de construción deste tipo de balsas é só o 80% do que custa unha depuradora convencional e o seu custo de funcionamento só supón o 20% do que precisan estas. O aforro na factura eléctrica da planta e os bombeos repercutirá nunha rebaixa na taxa que paga a veciñanza e tamén é positivo para o medio, recordou.