Pediremos no Pleno proteción e posta en valor da obra de González Villar
As nacionalistas propoñen poñer en valor a obra cunha mostra de fotografías, deseños e proxectos, un roteiro divulgativo e e edición de materiais específicos en internet. “Non se pode aprezar o que se descoñece”
As nacionalistas propoñen poñer en valor a obra cunha mostra de fotografías, deseños e proxectos, un roteiro divulgativo e e edición de materiais específicos en internet. “Non se pode aprezar o que se descoñece”
Betanzos, 21 de abril de 2017. O BNG propoñerá no Pleno unha batería de medidas para protexer e poñer en valor a obra arquitectónica do arquitecto Rafael González Villar. Recordando o seu papel como receptor das vangardas europeas, entre elas o art decó e o racionalismo de Le Corbusier e a Bauhaus, as nacionalistas propoñerán poñer en valor a figura e obra do autor do palco da música.
Desde o BNG recordan que dos seus deseños saíron a Casa do Pobo, a Casa Núñez, as Escolas Jesús García Naveira, a Fábrica da Luz ou o Cine Capitol, pero tamén o interior racionalista do Cine Alfonsetti, o palco da música ou o mobiliario público do Cantón Pequeno e a Porta da Vila (bancos, farolas e balaustradas), “que deron lugar ao popular ‘verde Betanzos’”, recordan. Por este motivo, propoñen establecer un roteiro divulgativo especifico sobre a obra do arquitecto.
“Contamos ademais con moitos proxectos de edificios municipais que non se executaron, pero que amosan como concibía os espazos públicos”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Citan así a reforma da fachada do Cine Alfonsetti, a fonte pública proxectada probabelmente para Touriñao de Abaixo ou unha praza de abastos monumental. “Xunto con obras realizadas e perdidas, como o interior do Edificio Arquivo para acoller o Liceo ou do Cine Capitol e os deseños dos xardíns públicos da praza de Galiza ou o palco dan unha idea do seu proxecto urbano”, relata. Propoñen, polo tanto, organizar unha mostra que xunte proxectos, planos e fotografías de todos estes deseños para contribuír a amosar unha panorámica completa da súa obra, que se pecha coas redes de subministro e saneamento e adoquinados da súa etapa como arquitecto municipal e as vivendas particulares proxectadas no seu exercicio privado da profesión.
Por este motivo, as nacionalistas propoñen complementar estas accións con accións específicas de divulgación da obra de González Villar aproveitando as oportunidades de internet, por medio de redes sociais, videos e outros soportes. “Trátase de poñer en valor figura e a obra de Rafael González Villar, moi descoñecida no noso concello e na comarca”, explica o edil do BNG. “Non se pode aprezar o que se descoñece”, explica o edil do BNG.