O BNG lamenta que o resto de grupos se negasen a derrogar a multa de 100 euros a quen busque no lixo
Del Río: "PP e CxB fixeron unha bochornosa manipulación das ordananzas de outros concellos para defender unha ordenanza como a de Betanzos, inxusta e antisocial.
Betanzos, 29 de xaneiro de 2014. Os nacionalistas lamentaron a bochornosa manipulación que PP e CxB fixeron das ordenanzas de limpeza de dous concellos gobernados polo BNG para defender a ordenanza de limpeza viaria de Betanzos. A ordenanza de Allariz non di absolutamente nada sobre multas a quen rebusque no lixo e a de Carballo o que multa é que o lixo se espalle pola rúa, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Estas son as escusas de PSOE, PP e CxB para manter no noso concello unha ordenanza inxusta, lamentan os nacionalistas. Non vamos dicir que o BNG nunca cometeu erros na súa acción de goberno, mais neste caso é abertamente falso o que dixeron no Pleno indican. A diferenza entre lixo e refugallo ou entre contenedor e colector non pode ser mais importante que a humanidade e a xustiza social engaden. Por este motivo, aseguran que no BNG temos a conciencia moi tranquila por ter feito todo o posíbel para cambiar esta inxustiza.
No caso de Carballo obriga a recoller o lixo, non multa económica, engaden. E a de Allariz nin sequera fala do tema. Entendemos que estamos defendendo o correcto e seguiremos intentando facendo o posíbel por evitar inxustizas no noso concello que cargan as tintas coas vítimas das políticas antisociais da dereita, conclúen.
Comproba a falsidade das argumentacións da dereita ti mesm@!
Os textos das ordenanzas de Betanzos, Carballo e Allariz están na rede. Podes lelos, comparar e opinar con criterio propio. Nós ofrecémosche os textos completos e non citas fóra de contexto sen problema.
A ordenanza de limpeza de Carballo sanciona "Manipular ou seleccionar os restrollos ou residuos sólidos urbanos, PRODUCINDO A SÚA DISPERSIÓN, DIFICULTANDO A SÚA RECOLLIDA OU ALTERANDO OS ENVASES". Isto é o que se multa en Carballo, ciscar o lixo. Podes ler a ordenanza completa neste enlace.
A de Allariz, a diferenza do que dixo onte no Pleno a dereita, nin nomea o de rebuscar ou ciscar o lixo. Léea neste enlace.
A de Betanzos, que é a que nos preocupa, prevé 100 euros de multa pola "Selección, clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía pública", isto é, por escoller entre o lixo. Míraa tamén nesta ligazón e compara.
E xa postos a desbotar excusas, segundo a Real Academia Galega colector e contedor de lixo son sinónimos e entre lixo e refugallos tampouco hai as diferenzas que CxB pretendeu facer ver.
Colector: "Depósito de grandes dimensións que se coloca nas rúas para a recollida do lixo. Sinónimo contedor". Telo aquí. Contedor de lixo: "Caixa moi grande de metal, madeira, plástico ou doutros materiais, utilizada para o transporte de mercancías, para a recollida de lixo etc. Sinónimo colector do lixo". Podes velo aquí. Refugallos: "Aquilo que sobra dunha cousa ou que non se aproveita". Está nesta ligazón. Lixo: "Conxunto de materias sucias ou de cousas que non serven e se tiran". Podes comprobalo aquí.
A diferenza entre lixo e refugallo ou entre contenedor e colector non pode ser mais importante que a humanidade e a xustiza social.Entendemos que estamos defendendo o correcto e seguiremos intentando facendo o posíbel por evitar inxustizas no noso concello que cargan as tintas coas vítimas das políticas antisociais da dereita.