O BNG reclamou no Pleno que o alcalde informe sobre as súas negociacións no Consorcio das Mariñas
A día de hoxe non temos máis información do que o noso alcalde, en nome deste Concello está a negociar no Consorcio xa que todo o que sabemos e en boca do alcalde de Oleiros e polos medios de comunicación
Desde o BNG reclamaron ao alcalde do PSOE unha copia dos documentos que se están utilizando nesa negociación para saber que propoñen facer os alcaldes co Consorcio das Mariñas
Betanzos, 26 de febreiro de 2015. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local informe sobre as negociacións que está levando o alcalde no Consorcio das Mariñas. O Consorcio aféctanos á vida cotiá de todas as veciñas e veciños, e polo tanto temos dereito a saber que está falando o alcalde cos outros alcaldes, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O pasado martes no Pleno o edil do BNG recordou que no Pleno do pasado mes de decembro PP e PSOE aprobaron converter o Consorcio das Mariñas en Mancomunidade, cun informe demoledor da secretaría municipal. Como ao final parece que o procedemento ofrecía unha inseguridade xurídica tremenda como xa advertimos, enterámonos polos medios de comunicación de que desistiron desa reconversión que se acordara no Pleno engadiu.
O PSOE e o PP tacháronnos de irresponsábeis por tratar de facer as cousas ben e darlle participación á veciñanza e transparencia a un tema escuro, recorda o edil do BNG. Dicían que se non apoiabamos a súa proposta ilegal deixaríase de recoller o lixo desde o un de xaneiro, insiste. E quedaron en evidencia PSOE e PP coas súas mentiras, e resulta que agora até novembro non hai problema e xa van pola terceira fórmula para desfacer o problema que provocaron, ironiza Del Río.
A día de hoxe non temos máis información do que o noso alcalde, en nome deste Concello está a negociar no Consorcio xa que todo o que sabemos e en boca do alcalde de Oleiros e polos medios de comunicación relatou. Por este motivo, desde o BNG demandan ao goberno local do PSOE que informe á veciñanza das negociacións que se están producindo no Consorcio, que en parte mantemos cos nosos impostos.
Os nacionalistas cuestionan que as negociacións entre os alcaldes son tremandamente opacas e reclamaron ao alcalde do PSOE unha copia dos documentos que se están utilizando nesa negociación para saber que propoñen facer os alcaldes co Consorcio das Mariñas.
Hai que acabar con esa visión do PSOE e o PP do Consorcio como un clube de alcaldes onde deciden todo en base a ocorrencias que logo teñen o resultado que xa vimos engade o voceiro do BNG. E para iso o primeiro é que o alcalde aclare que negociacións se están levando a cabo, con quen e en que termos conclúe.