O BNG convida ao goberno municipal a facer unha nova proposta de ordenanza de limpeza
Del Río: “Nos tempos que corren, multar por buscar sustento entre o lixo como pretende o PP é algo inhumano”.
Del Río: “Nos tempos que corren, multar por buscar sustento entre o lixo como pretende o PP é algo inhumano”.
Betanzos, 15 de decembro de 2011. O BNG exixiu ao goberno municipal do PSOE que admita a primeira das alegacións que os nacionalistas presentaron contra a ordenanza de limpeza do PP o pasado 31 de marzo. A norma está pendente de aprobación definitiva polo pleno do Concello.
Os nacionalistas presentaron 14 reclamacións contra a norma aprobada por PP e CxB debido a que a mesma traslada a responsabilidade de limpar a vía pública aos comerciantes. Desde o BNG entenden que esta obriga é só admisíbel no caso de que a sucidade derive da actividade comercial.
Entre outros motivos, desde o BNG entenden desproporcionada a táboa de sancións prevista na norma, e especialmente o feito de a norma do PP prevea multar a quen rebusque no lixo depositado na vía pública. “Non contempla a excepción do estado de necesidade no que se pode ver envolto unha persoa sen recursos que non ten mais remedio para garantir a súa subsistencia que remexer no lixo” advirte o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, que asegura que o BNG só vería xusta a sanción no caso de “vandalismo ou ánimo de lucro”. “Nos tempos que corren, multar por buscar sustento entre o lixo como pretende o PP é algo inhumano” censura.
Ademais, o BNG foi moi crítico cos obstáculos ao reparto e colocación de publicidade que o PP pretendeu establecer coa norma. Os nacionalistas entenden que isto dificulta a actividade comercial e supón un impedimento ao exercicio da liberdade de expresión.
Por todos estes motivos, o BNG retou ao goberno municipal do PSOE a admitir a súa emenda á totalidade do texto e facer unha nova proposta de ordenanza de limpeza que trate exclusivamente a problemática da limpeza das zonas públicas.