Como mellorar a Feira Franca Medieval?

photocall
Como mellorar a Feira Franca Medieval?

A Feira Franca Medieval naceu como unha festa de recreación histórica do esplendoroso pasado medieval de Betanzos e buscaba ser un escaparate que mostrase a toda a Galiza o atractivo do noso patrimonio material e inmaterial. Por desgraza, nos últimos anos, a nosa feira franca converteuse nun mercado medieval máis, sen ningunha diferenza cos moitos que proliferan nos veráns por todo o país. Esta falta de singularidade está a provocar que a afluencia e a participación vaia a menos ano tras ano.

Como podemos darlle a volta a esta situación? Como podemos impulsar a nosa Feira Franca Medieval? Para o BNG, o impulso ha de vir, en boa lóxica, pola recuperación da nosa singularidade, vinculando a festa coa historia e o patrimonio medieval de Betanzos. E para iso propomos actuar en base a tres principios fundamentais:

1- Participación veciñal, antídoto a un programa esgotado

A maioría dos mercados medievais están organizados por un par de empresas que trasladan postos, vendedores, ambientación e actuacións dun concello a outro, nun circuíto pechado que dura a tempada estival. Facermos algo diferente de Coruña ou Compostela dependerá da participación veciñal no deseño e desenvolvemento da Feira Franca Medieval. Como medidas de fomento da participación veciñal propomos:

  • fomentar que a veciñanza se vista de época durante o evento, mesmo coa organización de obradoiros de patronaxe ou concurso e premios para deseños ou reproducións de vestimentas de códices ou sartegos da época que se representa.
  • crear mecanismos para que a veciñanza e as entidades participen no deseño da programación da Feira Franca Medieval e refacer integramente o programa, sexan o actual Consello de Cultura ou outros foros.
  • crear incentivos para que a veciñanza participe na propia festa, alén de se vestir de época ou participar nas escenas teatrais que coordina o Concello: reserva de rúas para xantares populares, concursos de baixos decorados, concursos de receitas medievais, licores, fotografía, o propio cartel anunciador da festa, etc
  • implicar o centro comercial aberto e o comercio na ambientación do Casco Histórico

2- Representar a nosa historia: Betanzos, capital do Reino de Galiza

Desde hai ben anos, as propostas do BNG defenden que a Feira Franca reflexe a Historia de Betanzos e do País, evitando os "inventos" e os tópicos, porque pensamos que é a única garantía da pervivencia e a calidade da festa alén da moda actual dos mercados medievais.

A programación da feira ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media. Nin Fernán Pérez de Andrade foi o único persoeiro do medievo en Betanzos nin foi señor dunha cidade que tiña Concello e se gobernaba de seu. Betanzos foi sé de corte real do Reino de Galiza. Betanzos foi unha cidade que levantaron a pulso os gremios de artesáns, non os cabaleiros. Prateiros, ferreiros, mariñeiros, labradores, xastres, zapateiros, sombreireiros, ferradores... aínda hoxe en día manteñen a súa pegada no rueiro e noutros sinais de identidade. Non é casual. Foron os que construíron esta cidade.

Canda eles, trobeiros como Pero Amigo de Sevilha ou Pero de Ambroa, Fernán Martíns, autor da Crónica Troiana, Santo Toribio de Astorga, os líderes irmandiños Alonso de Lanzós ou Afonso de Carvalhido ou o capitán e alcalde irmandiño e notario Xoán Branco, ao que Betanzos debe voto en Cortes, Feira Franca e título de Cidade son algúns nomes dunha cidade que era cabeza do Reino de Galiza. En definitiva, a historia desta cidade é moito máis que o tópico dunha corte con princesas e torneos.

Polo tanto, cómpre:

  • recrear a historia local nas representacións incluídas no programa, reformulándoas para poñer en valor o diferente, o auténtico. Propomos dedicar cada ano a un persoeiro medieval de xeito temático ou ben desenvolver novas esceas en base a episodios históricos documentados da historia betanceira.
  • reivindicar o importantísimo papel desempeñado por mulleres donas de si como Sancha Rodrigues, María Balteira ou Dona Urraca.
  • recuperar a presenza e pegada dos gremios, con especial atención á presenza das danzas gremiais na programación da Feira Franca.
  • ter presente na rotulación da feira que esta cidade era capital do Reino de Galiza, no que se falou, até ben entrado o século XV, o galego ou galego-portugués.
  • poñer en valor a historia local cun ciclo divulgativo que vaia alén das propias xornadas festivas.

3- Poñer en valor o patrimonio, poñer en valor o pasado

O patrimonio histórico máis evidente de Betanzos está na zona vella. Con todo, os oficios tradicionais son tamén parte do noso patrimonio. Neste sentido, pensamos que na feira franca é fundamental esmerar nos pequenos detalles, porque denotan o mimo con que se fai algo: non pode ser que na viaxe no tempo á Idade Media se vexa por todas partes fritidoras, bombonas, bombillas, cables, persoal sen vestir de época, kebabs, polbeiras,… Isto provoca peor imaxe á Feira Franca e réstalle personalidade e atractivo.

Por este motivo, cómpre:

  • revisar os criterios con que se conceden os postos na Feira Franca e elevar o nivel de exixencia no tocante á ambientación para desterrar elementos impropios e garantir a calidade, fomentando a presenza de artesáns da comarca e obradoiros en vivo.
  • Fomentar a incorporación á festa dos negocios de fóra do centro.
  • Repensar e renovar a distribución dos postos.
  • revisar os criterios de contratación dos espectáculos de rúa para garantir que representan a cultura do país.
  • esmerar a ambientación de rúas e prazas: recuperar os blasóns das casas da cidade nos estandartes que decoran as rúas- fuxindo de bandeirolas xenéricas e km. de teas que pode haber en calqueira mercado medieval organizado por unha multinacional-, recuperar a sinaléctica dos diferentes elementos na tipografía gótica dos monumentos da cidade,...
  • recuperar a presenza de oficios tradicionais que desapareceron da Feira Franca.
  • Impulsar a presenza de elementos da cultura galega que complementan a temática histórica da Feira Franca: folión de carros do país, representación dalgún traballo do agro da comarca, encontro de embarcacións tradicionais no peirao da Ponte Vella,...
  • incluír un espazo para xogos e deportes tradicionais galegos como chave, billarda, bolos celtas, etc
  • Convocar uns xogos florais neotrobadorescos.
Como mellorar a Feira Franca Medieval?