O BNG pediu que se fomente a participación da veciñanza na programación da Feira Franca
Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai.
Betanzos, 19 de abril de 2013. O BNG reclamou na comisión de festas repensar a fondo o programa da Feira Franca Medieval para que sexa unha festa de recreación histórica que sirva para crear riqueza coa nosa Historia e non un feirón medieval máis dos que están de moda ou un entroido de verán. A concelleira María Otero indicou que a perda de calidade da Feira Franca fai que perda atractivo mesmo para a veciñanza, polo que entende que o goberno local ten que recoñecer que existe un problema e actuar.
Segundo o BNG, a programación ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media. Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río. A propia Feira Franca foi concedida polo papel de Betanzos na Revolución Irmandiña, algo que PSOE e PP excluíron sempre da festa indican os nacionalistas, que cuestionan que pola contra inventaron un señor feudal para Betanzos. Será o reflexo dos desexos dalgúns, ironizou.
Os nacionalistas entenden que non pode ser que o goberno local se lembre do Casco Histórico só para a Feira Franca e insisten na necesidade de poñer en valor o patrimonio todo o ano. Ademais, entenden que cómpre poñer en valor o patrimonio inmaterial. Hai que facer un esforzo por volver a situar oficios tradicionais en obradoiros e deberase dar un papel de relevancia ás danzas gremiais na programación, xa que arrancan precisamente da Idade Media, indican.
A Feira Franca ten que ser unha oportunidade para toda a veciñanza, tamén para os negocios de fóra do centro
Isto, segundo o BNG, poderíase conseguir abrindo realmente a programación da Feira Franca ás achegas do tecido asociativo. Participación non é que as asociacións poñan un posto na Feira Franca, é que poidan achegar ideas ao programa e propoñer cambios, aseguran os edís do BNG. Ademais, hai que abrir a participación a toda a veciñanza, con concursos relacionados coa festa, como receitas de cociña medievais, licores artesanais, fotografía...., aseguran. Tanto nas festas patronais como na Feira Franca, o cartel debera saír tamén dun concurso aberto á veciñanza e non pagarlle directamente 600 á persoa que escolla o alcalde, indica o voceiro do BNG.
Necesidade de coidar a ambientación
Os nacionalistas insisten tamén na necesidade de estremar o coidado na ambientación dos postos. Non pode ser que na viaxe no tempo á Idade Media se vexa por todas partes fritidoras, bombonas, bombillas, cables, persoal sen vestir de época,... cuestionan, xa que isto provoca peor imaxe á Feira Franca e réstalle personalidade e atractivo.
Hai que conseguir que a Feira Franca sexa unha oportunidade para toda a veciñanza, tamén para os negocios de fóra do centro, entenden desde o BNG, que apostan por revisar os criterios empregados para adxudicar os postos.