O BNG leva a Pleno o contrato a dedo do persoal de apoio para a Feira Franca Medieval
Os nacionalistas cuestionan que se contrate persoal para as festas mentres servizos básicos coma o cemiterio están sen persoal
Betanzos, 5 de xullo de 2014. O BNG levou a Pleno a contratación de persoal por medio dunha empresa privada para organizar a Feira Franca Medieval. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, cuestionou que se contrate persoal para as festas mentres servizos básicos coma o cemiterio están sen persoal. Teñen a policía con dous axentes menos, teñen os servizos de limpeza en cadro porque non cobren as baixas e non dan contratado persoal de reforzo para servizos sociais pero contratan máis persoal para as festas. O goberno local do PSOE dá prioridade a contratar unha secretaria para o técnico que organiza as festas en lugar de cubrir baixas en servizos obrigatorios que son de uso cotián da veciñanza, engadiu.
Neste caso concreto, ademais, e por segundo ano consecutivo, o persoal desta empresa privada contratada para organizar unha festa utiliza medios e dependencias municipais para os seus cometidos, indicou Del Río, sumando todos os requisitos que a lexislación prevé para falar dun caso de cesión ilegal de traballadores. Os nacionalistas aluden tanto á secretaria para o técnico de desenvolvemento local que organiza os festexos como ao persoal que sube ao guindastre municipal para colgar as teas e estandartes..
O PSOE dá prioridade a contratar unha secretaria para o técnico que organiza as festas en lugar de cubrir baixas en servizos obrigatorios que son de uso cotián da veciñanza como cemiterio ou policía
Neste sentido, os nacionalistas fanse eco tamén das demandas dos empregados do Concello de coñecer se estes traballadores contratados a través dunha empresa privada teñen un Plan de seguridade e saúde no traballo tal como exixe a lexislación vixente. Non sabemos se o Concello exixiu a empresa privada contratada para organizar a Feira Franca Medieval as medidas de seguridade necesarias, pero é certo que parte dos traballadores están subidos ao guindastre municipal decorando a nosa cidade e habería que evitar, na medida do posíbel, riscos que puidesen provocar un accidente, explicou Del Río.
O voceiro nacionalista explicou que o anuncio para este contrato apareceu publicado na web municipal a principio de mes. Tratábase dun anuncio para un contrato de persoal de apoio para a organización da Feira Franca Medieval, máis de oito mil euros para colaborar como moito un mes que separaba na organización dunha festa denuncia. "Sen embargo, o goberno do PSOE, que presume de transparencia, aínda non publicou na mesma web a quen lle deron este contrato a dedo", conclúe.