O BNG demandará novamente no Pleno a fin da concesión do Complejo San Roque por incumprimento
O pasado martes, na xunta de voceiros, o alcalde viuse obrigado a recoñecer que perderan todo un ano tratando de levar a xuízo a concesionaria para pór fin ao alugueiro do hotel polo impago da renda
Betanzos, 22 de xullo de 2016. O BNG demandará novamente no Pleno que se rescinda a concesión do estacionamento soterrado da rúa Rosalía de Castro, que explota Complejo San Roque S.L, debido aos reiterados incumprimentos do contrato. As nacionalistas recordan que sobre este edificio de titularidade municipal hai dous contratos, o aluguer do antigo asilo Manuel Naveira e a concesión do restaurante e aparcamento soterrado.
O pasado martes, na xunta de voceiros, o alcalde viuse obrigado a recoñecer que perderan todo un ano tratando de levar a xuízo a concesionaria para pór fin ao alugueiro do hotel polo impago da renda, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. A renda, que leva sen pagarse desde que o establecemento abriu ao público, é de 600 euros ao ano.
O BNG leva tempo advertindo dos numerosos e graves incumprimentos que o executivo local tolera a esta concesionaria. De feito, é moito máis grave se cabe todo canto se incumpre na concesión do aparcamento, como por exemplo que o que tiña que ser un museo é un restaurante, indica o edil nacionalista.
Neste sentido, para as nacionalistas resulta imprescindíbel depurar as responsabilidades da Administración local neste asunto. Se isto leva así anos é porque as persoas responsábeis, que tiñan que mirar polos intereses da veciñanza, miraron para outro lado e consentiron, indican.
De feito, en ningún momento foi vontade do goberno local do PSOE informar da situación desta concesión, recorda Del Río. Cando o hotel saíu a poxa convocada pola Seguridade Social en 2012 tivemos que levar o asunto a Pleno porque non se informou absolutamente de nada, cando se anunciou nos medios de comunicación un cambio de titular, que tiña que autorizar o Pleno, tampouco, relata. A preocupación do goberno local nunca foi atender neste asunto aos intereses xerais da veciñanza, senón tratar de matar ao mensaxeiro, descualificar ao BNG por facer público este negocio ruinoso para o Concello, engade.
De feito, para as nacionalistas, a vontade de non dar pasos adiante queda posta de manifesto novamente neste ano perdido. Podíase ter avanzado na depuración de responsabilidades, que hai que facer, e mais no rescate da concesión, mais o PSOE decidiu dedicarse só a reclamar a renda do edificio, relatan. A intención foi facer ver que se facía algo, cando saben de sobra que se a empresa abona as rendas impagadas vai seguir aí dentro a pesar de incumprir todo o demais, lamentan.