O BNG cuestiona que se privatice a organización da Feira Franca Medieval un ano máis
O prazo de tres días para presentar ofertas e dar até tres puntos a quen fixera este traballo no pasado fan temer que realmente o PSOE xa tiña avisado a quen queren que se presente e isto é só unha pantomima para evitar que se fale dun contrato a dedo
Betanzos, 14 de maio de 2016. O BNG lamentou que o goberno local opte novamente por privatizar a organización da Feira Franca Medieval. As nacionalistas indican que, mentres o goberno local contrata persoal para organizar festas, servizos básicos coma o cemiterio están sen persoal. Mentres o PSOE mantén a policía con dous axentes menos, os servizos de limpeza en cadro porque non cobren as baixas, vemos que si contratan máis persoal para as festas denuncia o seu voceiro, Henrique del Río.
Entre os méritos a valorar figura ter experiencia previa organizando este evento, algo que se valorará até con tres puntos. Isto, xunto ao prazo de tres días para presentar ofertas para este contrato de 7500 euros fai desconfiar ás nacionalistas. O PSOE dirá que é por premura, ou que a contrata se axusta a Dereito, mais este prazo e estas condicións realmente fan temer que xa tiñan avisado a quen queren que se presente e isto é só unha pantomima para evitar que se fale dun contrato a dedo, explican desde o BNG.
O BNG advirte que as bases publicadas no web establecen unha duración do contrato até o 24 de agosto. Chámanlle apoio á organización da Feira Franca mais está claro que é para organizar as festas do verán e chega até o remate das patronais, máis de mes e medio despois de rematar a medieval, indica Del Río.
A empresa valorará a quen se asignan os postos, información vetada á oposición
Ademais, sinalan as nacionalistas, parte deste persoal participará, segundo as bases, na comisión técnica da Feira Franca Medieval, con voz e voto, o que implica, a xuízo do BNG que persoal que non é do Concello decida sobre bens do Concello, sobre medios do Concello, sobre a programación festiva que paga o Concello e sobre alugueiro das rúas do Concello, mentres que a edís da corporación se lle oculta información sobre estas cuestións.
Neste sentido, as nacionalistas denuncian que continúan agardando a que o goberno local achegue documentación de anteriores edicións da Feira Franca Medieval, a empezar polo propio nomeamento desta comisión e as actas das xuntanzas nas que adoptaron os acordos. Á vista do que se esmera o PSOE en negarnos os datos, todo fai temer que en realidade non hai probas documentais de como se seleccionan os postos que participan na feira e como se adxudican, lamentan desde o BNG.