O BNG votou onte en contra da conta xeral do 2015 que recolle 1.095.811.55 euros en servizos privatizados
“Só nestas cousas totalmente prescindíbeis- publicidade e propaganda e protocolo - fundiron 77 057,73 euros por fóra do orzamento”
“Dos 175 000 euros para as festas de agosto recollidos no orzamento pasouse a un gasto de 217 650,9 euros e logo, na Feira Franca Medieval fundiron 69 350,97 euros, cando dixeran que serían 60 000”
“Só nestas cousas totalmente prescindíbeis- publicidade e propaganda e protocolo - fundiron 77 057,73 euros por fóra do orzamento”
“Dos 175 000 euros para as festas de agosto recollidos no orzamento pasouse a un gasto de 217 650,9 euros e logo, na Feira Franca Medieval fundiron 69 350,97 euros, cando dixeran que serían 60 000”
Betanzos, 6 de outubro de 2016. O BNG votou onte en contra da conta xeral de 2015. “Votamos en contra convencidos de que estas contas amosan unha forma de facer política, a mesma política que PSOE e PP levan facendo toda a vida neste Concello, e porque pensamos que é necesario cambiar e facer as cousas contando coa xente”, indicou Del Río. O nacionalista tendeu a man ao PSOE explicando que “cando o PSOE se decida a facer unha política para o pobo, para a maioría das betanceiras, terá o apoio do BNG, pero mentres siga facendo políticas propias da dereita e atendendo aos seus intereses electoralistas, teremos que seguir votando en contra”.
Del Río repasou o gasto de “45 713,72 euros en protocolo no ano electoral 2015, 38 713,72 euros por fóra do orzamento, un 653.71% máis do previsto” e doutros 55 962.42 € en propaganda e publicidade. “Que nos intenten convencer do ben que gobernan polo que parece sáenos bastante caro” ironizou. “Só nestas cousas totalmente prescindíbeis- pinchitos a quen vostedes elixen discrecionalmente e autobombo- fundiron 77 057,73 euros por fóra do orzamento” criticou.
Millón cen mil euros en servizos privatizados
“Gastaron 1 095 811.55 euros en todos os servizos que teñen privatizados neste Concello, que non son poucos” indicou, lembrando que no orzamento estaban previstos 749 641,89 € incrementaron a contía até os 907 319,35. “Era ano electoral, a ocasión ben o merecía: todo para gañar as eleccións, eleccións nas que prometían defender os servizos públicos” ironizou.
Dentro deste gasto en privatizacións, referiuse ao cemiterio. “Prevían 3000 euros para traballos da empresa privada no camposanto, e fundiron 19 452,38 euros en pagarlle, mes a mes e factura a factura, á empresa que sen contrato enterraba despois do desmantelamento do servizo público” indicou.
O gasto en festas supera en 52 000 euros o orzamentado
O BNG denunciou tamén que se gastou en festas moi por riba do previsto no orzamento. “Dos 175 000 euros para as festas de agosto recollidos no orzamento pasouse a un gasto de 217 650,9 euros e logo, na Feira Franca Medieval fundiron 69 350,97 euros, cando dixeran que serían 60 000” relata. “E un ano máis temos o pago irregular do globo, con reparo da Intervención, máis de 17 000 euros sen factura, sen tributar, sen cumprir coa legalidade que hai que dar por bo porque ‘sempre se fixo así’”, indicou Del Río aludindo outra vez aos informes do avogado do goberno local.
“O que non gastaron foi a partida de 6000 euros para as bolsas para actividades extraescolares, unha demanda da ANPA que o BNG leva anos trasladando ao Pleno e que meteron no orzamento e que publicitaron cando aprobaron o orzamento para despois non convocalas” denunciou Del Río. “É imposíbel gastar os cartos en bolsas se non se convocan. O nacionalista denunciou que tampouco se convocaron as bolsas para estudos no conservatorio ou as subvencións a entidades, “así que as únicas entidades subvencionadas foron as que recibiron un convenio ‘a dedo’”, concluíu.