O BNG advirte dun sobrecoste no contrato para persoal de apoio ao técnico que organiza as festas
Segundo as cifras ofrecidas polo goberno local, os gastos da Feira Franca Medieval evidencian que se contratan máis empresas privadas para representacións que antes facía a veciñanza.
Betanzos, 21 de outubro de 2014. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE gastase na Feira Franca Medieval máis dos 60 000 euros previstos nos orzamentos. En festas, en propaganda, en paparotas e en gastos que nada aportan ao PSOE sempre se lle vai a man e logo recortan no que de verdade fai falla, lamenta o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas son críticos con algúns dos gastos recollidos nestas contas. O PSOE contratou por 7302,35 euros unha secretaria para o técnico de desenvolvemento local que organiza os festexos e mais persoal para decorar as rúas, explica o voceiro nacionalista, que recorda que advertiron que este persoal utilizou dependencias e medios municipais para os seus cometidos sumando todos os requisitos que a lexislación prevé para falar dun caso de cesión ilegal de traballadores. O PSOE terá que explicar o sobrecusto nesta contrata, xa que o contrato foi por 7302,35 euros e sen embargo nas contas fala de 7682,53 euros, indica, porque onte na comisión de festas o concelleiro de festas asegurou varias veces que a cantidade respondía só a este contrato e a estes tres operarios.
Parte deste persoal participou ademais na comisión técnica da Feira Franca Medieval con voz e voto, explica Del Río. Persoal que non é do Concello decidiu sobre bens do Concello, sobre medios do Concello e sobre alugueiro das rúas do Concello, engaden desde o BNG. E participou na selección dos postos que concorreron á Feira Franca na comisión e mais manexou a documentación que os artesáns remitiron ao propio Concello, explican. Non é de estranar que o PSOE siga ocultándonos o nomeamento desta comisión e as actas das xuntanzas nas que adoptaron os acordos, denuncian.
Á vista do que se esmeran o PSOE e os concelleiros de Cultura e Festas en negarnos os datos, todo fai temer que en realidade non hai probas documentais de como se seleccionan os postos que participan na feira e como se adxudican, lamentan desde o BNG. Por toda resposta o PSOE achegounos un regulamento que non está publicado en ningún lado e que, polo tanto, non obriga a nada ao Concello nin garante os dereitos dos artesáns, abundan. E agora que o Concello está ante os tribunais por unha polbeira sen licenza instalada durante a Feira Franca quen se vai facer responsábel diso?, pregúntanse desde o BNG.
Os nacionalistas denuncian que, ademais, no epígrafe de gastos en actuacións teatrais aparece un pagamento de 8685 euros a unha compañía teatral que, segundo o programa oficial da Feira Franca Medieval, non ofreceu ningún tipo de espectáculo na pasada edición da festa histórica. O PSOE terá que aclarar a que responde este pagamento, indican desde o BNG.
Incremento do gasto en empresas que organizan mercados medievais
O BNG cuestiona tamén o gasto cada vez maior en empresas que se dedican a organizar pola súa conta mercados medievais. Agora o PSOE tamén lle contrata a estas empresas o torneo ou teatro de rúa, explicou. O resultado é que traen a mesma actuación que ofrecen en Torrejón de Ardoz ou en Murcia, critica o nacionalista, que entende que así se está a convertir a Feira Franca nun mercado medieval calquera dos que agora proliferan- coa baixada de público conseguinte- en lugar de ser unha festa singular e cunha personalidade marcada, aseguran.
A lóxica da Feira Franca é pór en valor a Historia medieval de Betanzos e do país, apunta Del Río, que cuestiona que non sabemos se é que ao PSOE e antes o PP lles resulta incómoda esta etapa da nosa Historia. Que nós saibamos na Idade Media falábase galego-portugués e o idioma do país está case ausente desta volta ao pasado, conclúe.