O BNG exixe coñecer as verdadeiras cifras de asistencia á Feira Franca
O BNG lamenta que o goberno local non faga un esforzo en manter a fidelidade histórica e permita que a Feira Franca se estea convertindo nun feirón calquera.
Betanzos, 10 de xullo de 2012. O BNG cuestiona as cifras triunfalistas ofrecidas polo goberno local do PSOE a respecto da Feira Franca Medieval. Gustaríanos saber de onde sacou o goberno municipal que este ano houbo a mesma afluencia que en anos anteriores, porque para nada se corresponden os seus números coa opinión dos feirantes e hostaleiros de Betanzos, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Un nutrido grupo de hostaleiros e feirantes trasladou ao BNG o seu parecer diante dunha baixada sensíbel en público e movemento económico. É obvio que a Feira Franca ten un problema e o goberno municipal do PSOE non o quere ver, apunta o edil nacionalista. O BNG cuestiona a proliferación de postos nos que se despachaban alimentos en recipientes plásticos e mesmo onde os vendedores non estaban vestidos de época xa desde o primeiro día e sen que os responsábeis da Feira Franca obrigasen a corrixilo. O BNG lamenta que o goberno local non faga un esforzo en manter a fidelidade histórica e permita que a Feira Franca se estea convertindo nun feirón calquera.
Neste sentido, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, reclamou que se controlasen os postos de cara a evitar que se visen elementos coma fritideiras, neveiras, bombonas de butano, cables da luz, lámpadas e botellas e botes que na festa de recreación histórica están fóra de lugar.
Na mesma liña, os nacionalistas lamentan a baixa calidade da ambientación das rúas. Todo isto está levando á Feira Franca a ser como un mercado medieval calquera dos que agora proliferan- coa baixada de público conseguinte- en lugar de ser unha festa singular e cunha personalidade marcada, aseguran. A lóxica da Feira Franca é pór en valor a Historia medieval de Betanzos e do país, apunta Del Río, que cuestiona que non sabemos se é que ao PSOE e antes o PP lles resulta incómoda esta etapa da nosa Historia. Que nós saibamos na Idade Media falábase galego-portugués e non se dicía Feria Medieval nun anuncio publicitario, ironizou.
Así mesmo, os veciños transmitiron ao BNG as súas queixas polo corte da rúa de Santa María ao instalar un comedor na cabeceira de San Francisco que impedía aos veciños o acceso á citada rúa e adxacentes. Do mesmo modo, os nacionalistas lamentan que o goberno local do PSOE permitise que a fonte de Santa María quedase dentro dun posto, impedindo o seu uso por calquera persoa como fonte pública que é.
O BNG xa defendeu na comisión de festas a necesidade de que a Feira Franca reflexe a verdadeira Historia de Betanzos e o país como única garantía da existencia e a calidade da festa alén da moda actual dos mercados medievais.