O BNG-AA de Betanzos presenta de novo as súas propostas para a Feira Franca Medieval
Betanzos, 4 de xullo de 2016. O BNG recordou ao goberno local no Pleno que se compromotera a levar a cabo parte das súas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval. De todas as suxestións que transmitimos o pasado ano na comisión de festas, idénticas por certo, ás que o BNG leva facendo nos últimos 19 anos, gustaríanos saber cales recolleu o goberno para a programación deste ano", interpelaron. "Lembrámoslles que anunciaron no Pleno e nos medios de comunicación que ían telas en conta, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
Desde o BNG explicaron que levamos anos defendendo a necesidade de que a Feira Franca reflexe a verdadeira Historia de Betanzos e o País como única garantía da pervivencia e a calidade da festa alén da moda actual dos mercados medievais. Esperamos que o goberno faga un esforzo en manter a fidelidade histórica e introduza novas escenas da nosa historia medieval para evitar que sexa igual que todas as feiras medievais da contorna e garantir así a súa continuidade, engadiu Del Río.
A lóxica da Feira Franca é pór en valor a Historia medieval de Betanzos e do país, apunta Del Río, que cuestiona que non sabemos se é que ao PSOE e antes o PP lles resulta incómoda esta etapa da nosa Historia". Neste sentido, as nacionalistas pediron ao goberno coidado na ambientación das rúas, na recreación histórica e no uso da lingua, que na época era o galego-portugués. "Pensamos que todo isto é fundamental para ter un evento diferenciado e con personalidade que siga atraendo visitantes a Betanzos e tamén para pór en valor a historia da nosa cidade, indicou.
Aluguer de traxes no Edificio Arquivo
Un ano máis ao achegarse a Feira Franca Medieval o goberno local autorizou a un particular a exhibir e alugar os seus traxes de época no Edificio Arquivo", indicaron as nacionalistas. "Queremos información sobre o mecanismo se utilizou para a selección da empresa que aluga os traxes, xa que pode haber outras empresas interesadas que non teñen oportunidade de utilizar un edificio público, indicou o voceiro nacionalista.
"Non sabemos en base a que normativa se permite o uso comercial dun edificio público sen a correspondente concesión administrativa, como teñen, por exemplo, os postos da praza de abastos" indican. "Mais si nos chegaron queixas da veciñanza por este feito e non é o primeiro nin o segundo ano así o trasladamos ao goberno para que se corrixa de cara ao futuro, concluíu Del Río.