O BNG propón crear 4800 metros cadrados de zonas verdes no entorno do Campo nas súas alegacións ao PXOM
“Cremos que Betanzos precisa un modelo de cidade diferente ao que o PSOE plasma no seu PXOM e as nosas alegacións van nesa liña, a que Betanzos se imite máis a Pontevedra e Allariz, que son o espello en que a nosa cidade debera mirarse”
Neste sentido, as nacionalistas tamén propoñen nas súas alegacións eliminar o controvertido vial que proxectou o PSOE para dar servizo aos polígonos
Betanzos, 22 de decembro de 2021.- O BNG presentou as súas alegacións ao Plan Xeral de Betanzos. “Cremos que Betanzos precisa un modelo de cidade diferente ao que o PSOE plasma no seu PXOM e as nosas alegacións van nesa liña, a que Betanzos se imite máis a Pontevedra e Allariz, que son o espello en que a nosa cidade debera mirarse, e non ao de Miño e Barreiros que traslada o PSOE”, explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
As emendas das nacionalistas buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, parten da premisa de que, con excepción das zonas verdes proxectadas no Xuncaliño e na Cañota, “o resto dos parques que o PSOE proxecta no seu PXOM “en ladeiras na periferia do actual núcleo urbano no Rollo e na Madalena, con elevadas pendentes que as fan en impracticábeis pola veciñanza e que só buscan computar estatisticamente como zonas verdes para cumprir coas porcentaxes que a Lei exixe”. Fronte a isto, o BNG aposta por crear unha zona verde de máis de 3000 metros cadrados no interior da couzada que describen as rúas Ferradores, Ánxeles, Cañota e Fonte de Unta, con varios accesos. “Ademais de ofrecer un espazo verde no corazón da cidade que conecta co parque proposto na Cañota, permite revalorizar todo o entorno colindante” explica Amelia Sánchez.
En paralelo, o BNG propón trasladar o cuartel da Garda Civil a unha parcela municipal situada entre a parte nova do Pasatempo, a ponte de madeira do Mendo e a circunvalación e liberar así o solar de máis de 1800 metros cadrados que ocupa na Feira Nova para ofrecer máis zonas verdes no centro da cidade. “Este parque conectaría coa zona do Frade, onde propoñemos que non se constrúa e se destine a zonas verdes”, abunda a portavoz municipal do BNG.
Eliminar o Vial de Infesta e os SUNC
O BNG defende que o núcleo de Infesta é un núcleo rural e nas súas alegacións demanda que se elimine a recualificación como solo urbano da aldea. “O PSOE planea reconverter unha aldea que está sendo rehabilitada pola veciñanza nunha cidade-dormitorio para A Coruña e nós cremos que Infesta merece outro destino”, explica Sánchez. Neste sentido, as nacionalistas tamén propoñen nas súas alegacións eliminar o controvertido vial que proxectou o PSOE para dar servizo aos polígonos. Desde o BNG lembraron que trasladaron onte unha moción ao Pleno defendendo a eliminación desde Vial, que foi aprobada por unanimidade.
Alternativas á mobilidade
As nacionalistas inciden nos problemas de mobilidade e accesos que o Plan Xeral do PSOE provocará. O BNG propón ofrecer unha nova saída á N-VI desde o centro polas avenidas Juan García Naveira e Camiño Real de Infesta que desconxestione a rotonda das Cascas, reconfigurar a actual avenida Fraga Iribarne como unha vía urbana e trasladar ao seu entorno recualificando o polígono comercial actual a edificabilidade que o PSOE aprobou nas parcelas inundables do Carregal. “Para garantir a conservación do Pasatempo propoñemos recualificar como zona verde o tramo que pasa a carón do parque, para darlle conectividade ás dúas zonas do recinto e eliminar o impacto do tráfico rodado e a pasarela sobre a conservación da parte histórica”, explica Amelia Sánchez.
“Non entendemos que a proposta do Plan sexa incrementar o tránsito rodado sobre dúas pontes medievais que deberan ser peonís, como a Ponte Vella e Romana das Cascas, e propoñemos varias alternativas para retirar o tránsito rodado das mesmas”, engade a portavoz municipal do BNG.
Neste sentido, as nacionalistas defenden que o mellor emprazamento para a estación de autobuses é na zona da fábrica da luz, a fin de que evitar entradas e saídas do transporte público pola saturada avenida da Coruña. En paralelo, propoñen recualificar como equipamento sociocomunitario todo o predio da fábrica da luz. “Así, a primeira liña de construción no Mendo cara o Carregal sería zona verde e mais equipamentos públicos de pouco impacto e integrados na paisaxe e non os edificios sobre palafitos de baixo, dúas alturas e baixo cuberta que o PSOE aprobou construír neste entorno”, engade Amelia Sánchez.
Dotacións: un novo colexio, centro de día no antigo ambulatorio e uso público da Pista Rei Brigo
As nacionalistas botan en falta que no PXOM que aprobou o PSOE non haxa, malia o incremento poboacional previsto, espazo para novos equipamentos. Neste sentido, propoñen reservar solo en Talai, a carón do centro de formación ocupacional, para un novo colexio e recualificar como solo asistencial o antigo ambulatorio. A outra dotación proposta polas nacionalistas é recuperar como edificio sociocultural multiusos a Pista Rei Brigo, un inmoble singular ubicado a carón do Campo.
Vivendas unifamiliares no Mandeo
Do mesmo xeito, as nacionalistas propoñen rematar a cidade con vivendas de tipo unifamiliar no Mandeo. “O PSOE dá por bo o edificio do Mandeo 50 no seu plan e propón construír de xeito similar no resto da rúa, de forma que acabará ofrecendo unha vista como a de Saavedra Meneses sobre a cidade” explica Amelia Sánchez.