BNG rexeita o trazado proposto para a variante de Infesta

Visita de Néstor Rego a Infesta o pasado mes de xaneiro

O enlace Espantosa-Montellos tería un grande impacto nas vivendas e na vida dos veciños e veciñas que verían, máis unha vez, dividida en dúas a súa parroquia

O BNG apoia a reclamación da veciñanza de elaborar un proxecto alternativo

BNG rexeita o trazado proposto para a variante de Infesta

Madrid, 7 de xaneiro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa reclamando información ao Goberno do Estado sobre o proxecto da variante Espantosa-Montellos que trasladou aos veciños e veciñas de Infesta durante a súa visita a Betanzos. A organización nacionalista alerta do gran impacto que tería o trazado proposto para os núcleos de poboación próximos e propón que se estude outra alternativa de trazado que supoña un menor impacto para a veciñanza.

Acompañado pola voceira municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, e a responsábel comarcal das Mariñas, Cristina López, o deputado da formación nacionalista mantén un encontro coas veciñas e veciños de Infesta para coñecer de primeira man o impacto que suporá a construción desta variante. A nova vía, que foi incorporada no documento de mobilidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), é a variante Espantosa-Montellos que enlazaría a N-VI coa A-6 e a AP-9.

“O trazado proposto tería unha gran afectación sobre as vivendas e isto está causando unha gran preocupación entre a veciñanza de Montellos” declara o deputado do BNG. Cabe lembrar que o Goberno Municipal declarara que se incluía ese trazado a consecuencia do proxecto redactado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Porén, a veciñanza non tivo en ningún momento “coñecemento sobre o proxecto e non consta que tivese pasado o trámite de exposición pública”. Menos aínda que se tivese acceso ao seu estudo, polo que a organización frentista solicitaba na súa iniciativa do MITMA a copia do proxecto redactado sobre a vía que serviría de variante entre Espantosa-Montellos. 

“De levarse a cabo este proxecto, provocaría un grave impacto sobre o núcleo de Infesta e entendemos que o Ministerio ten que buscar outra alternativa a este trazado que, ademais de rematar coa preocupación veciñal, supoña un menor impacto nas vivendas de Montellos” reclama Rego.

BNG rexeita o trazado proposto para a variante de Infesta