O BNG votará en contra da proposta de PXOM do goberno local
“Pensamos que un documento da importancia dun PXOM merece dar participación á veciñanza e unha explicación do goberno da súa proposta”
“O PXOM non aborda os problemas que Betanzos ten. Pretende construír máis vivendas en zonas inundábeis, no Carregal e na Cañota, levantando as construcións 2,30 metros, cando o lóxico sería evitar construír nestas zonas”
Betanzos, 19 de setembro de 2021.- O BNG anunciou o seu voto en contra ao PXOM que o PSOE levará a un pleno adiantado ao vindeiro día 15. “Non entendemos as présas do PSOE en aprobar este Plan Xeral sen permitirnos contrastar as nosas dúbidas co equipo redactor ou cos técnicos municipais”, explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez. “Pensamos que un documento da importancia dun PXOM merece dar participación á veciñanza e unha explicación do goberno da súa proposta. Estas presas e falta de transparencia dan moito que pensar”, advirte.
Neste sentido, as nacionalistas indican que “por responsabilidade” votarán en contra do modelo de cidade que o PSOE plasma no Plan Xeral. “É un modelo continuísta con todo o que o PSOE veu facendo durante 40 anos con Betanzos: construción nova sen servizos, sen zonas verdes ou dotacións, adiar a rehabilitación do Casco Histórico e os demais barrios con valor patrimonial....”, relata.
“É un PXOM que parte dunhas previsións de incremento da poboación totalmente irreais nunha comarca para a que o IGE prognostica unha perda de máis de 4000 habitantes para o ano 2035, o PXOM prognostica que Betanzos vai medrar no 2040 até os máis de 15 000 habitantes. Polo tanto neste PXOM, prevén a construción de 2.700 novas vivendas. Son unhas previsións totalmente irreais”, engadiu a portavoz nacionalista.
“O PXOM non aborda os problemas que Betanzos ten”, explica a portavoz municipal do BNG. “Pretende construír máis barrios enriba do río, no Carregal e na Cañota, en zonas inundábeis, levantando as construcións 2,30 metros, cando o lóxico sería evitar construír nestas zonas”, exemplifica a nacionalista.
Sen alternativas de mobilidade para un maior tránsito rodado
“Todo o que pretenden construír na Ponte Vella ou en torno ao vello ambulatorio sairá da cidade cara A Coruña, onde traballa boa parte da nosa veciñanza, pola Ponte Vella ou a Ponte Romana das Cascas” relata. “Que se pretenda incrementar o tránsito sobre pontes monumentais en lugar de buscar alternativas”, relata.
As nacionalistas coinciden na necesidade que Betanzos ten dun plan xeral, mais advirten que non vale calquera plan xeral. “Miño e Barreiros teñen un plan xeral e está aí ese desastre urbanístico para velo e tomar nota”, exemplifica Amelia Sánchez. A voceira nacionalista explica que “o problema é o modelo de cidade que deseña este plan xeral, non é unha cuestión que se solucione facendo modificacións puntuais unha vez aprobado inicialmente, é o problema dun modelo nefasto que non se corrixe cunhas alegacións”.
O problema é o modelo de cidade que deseña este plan xeral, un modelo nefasto que non se corrixe cunhas alegacións
Neste sentido, desde o BNG entenden que “o que realmente precisa Betanzos nun PXOM é rachar con este modelo nefasto e desarrollista, que todo o fía a seguir levantando pisos e o PSOE veríao ás claras de ter dado participación á veciñanza”, sostén Sánchez Pérez.
“O PSOE non aprendeu nada do acontecido nos últimos anos, non quixo chegar a acordos e facer ben o deseño urbanístico para as vindeiras décadas, pretende repetir os erros do pasado coa trampa dunhas présas que non existen”, engaden. “Cre que ter maioría absoluta implica impoñer a súa visión da cidade e o seu modelo a toda a veciñanza, pasando por riba dos problemas e necesidades da cidade” conclúe.