O BNG pediu no Pleno información ao goberno local sobre as obras que se están executando na Fábrica da Luz
A portavoz nacionalista esixiu explicacións de por que non se trasladou información sobre estas obras á veciñanza e aos grupos da oposición e solicitou copia do mencionado proxecto e das licencias e permisos para levar a cabo a mencionada obra.
Desde o BNG advirten que estes traballos para retirar o transformador que se atopaba no interior da factoría modernista poden supoñer un dano “definitivo” para a estrutura do edificio
Betanzos, 15 de decembro de 2021. O BNG pediu no Pleno información ao goberno local sobre as obras que se están executando na Fábrica da Luz. “O goberno só informou de que estas obras se deben ao traballo de soterramento do transformador mais non sabemos se foi presentado un proxecto de obra para os mencionados traballos diante de Patrimonio, se se recollen nese proxecto os posíbeis danos que estes traballos lle poden ocasionar á estrutura do edificio ou cales son os prazos estimados de duración dos traballos e cando se prevé que comecen os labores de estabilización e recuperación da Fábrica da Luz”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
A portavoz nacionalista esixiu explicacións de por que non se trasladou información sobre estas obras á veciñanza e aos grupos da oposición e solicitou copia do mencionado proxecto e das licencias e permisos para levar a cabo a mencionada obra.
Ademais a portavoz do BNG advertiu no Pleno da afección que os traballos poden ter sobre a Fábrica da Luz. Segundo explicaron as nacionalistas, “puidemos observar como se están a realizar movementos de terra con maquinaria pesada nos laterais dos muros do edificio, catalogado como Ben de Interese Cultural”. A dicir da voceira do BNG, Amelia Sánchez, son “unhas obras que poderían ser moi agresivas e daniñas para a estrutura do inmóbel”.
Desde o BNG advirten que estes traballos para retirar o transformador que se atopaba no interior da factoría modernista poden supoñer un dano “definitivo” para a estrutura do edificio. Por este motivo, cuestionan se a intervención conta co visto bo de Patrimonio, dado que se trata dun inmoble co máximo nivel de protección patrimonial.
Do mesmo xeito, urxiron ao goberno local a aclarar as medidas paliativas previstas nesta intervención e, do mesmo xeito, a aclarar os prazos estimados de duración dos actuais traballos e cando se prevé que comecen os labores de estabilización e recuperación da Fábrica da Luz. “Sorprende que sendo un monumento industrial único no país, o goberno local nin sequera comunicase aos grupos da oposición e á veciñanza o alcance e contido dunhas obras que poden supoñer a desaparición definitiva da fábrica da luz”, advirte Amelia Sánchez.
Emendas ao Plan Xeral e propostas de investimento nos orzamentos para salvar o monumento
Amelia Sánchez avanzou que o BNG presentará emendas ao PXOM actualmente en fase de exposición pública para garantir a conservación do monumento. “Naturgy conseguiu que a Xunta rebaixe a protección do conxunto da Fábrica da Luz desprotexendo os peiraos e naves accesorias, mais alegaremos ao Plan Xeral para conservar integro o conxunto tal e como foi proxectado por López-Cortón e González Villar”, explica a voceira do BNG.
Do mesmo xeito, unha das propostas de investimento que as nacionalistas presentaron para os orzamentos municipais de 2022 é reservar unha partida para a adquisición da Fábrica da Luz e a súa reconversión en equipamento sociocultural.
O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución declarándoa monumento, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país”, relata Amelia Sánchez. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”, conclúen desde o BNG.