O goberno do PSOE aprobou de maneira inicial, grazas á súa maioría absoluta e co único voto en contra do BNG, o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
No BNG somos moi conscientes de que Betanzos precisa un PXOM, mais non este PXOM. Por iso o consideramos unha oportunidade perdida, a oportunidade de solucionar os problemas que actualmente ten este Concello e que este PXOM non resolve.
Este PXOM non soluciona o problema de acceso á vivenda das betanceiras, limítase a favorecer a especulación, ao proxectar 2699 novas vivendas (innecesarias nunha comarca que perde poboación) e non propiciar a rehabilitación dese 25% de vivendas baleiras con que conta o noso concello na actualidade.
Tampouco soluciona o problema da mobilidade. Non ofrece alternativas reais de circulación ou de aparcadoiro, limitando as saídas da cidade ás dúas posibilidades actuais, as xa saturadas da rotonda das Cascas e do cruce da Madalena, mentres prevé un incremento de case 3000 veciñas.
Non soluciona o problema da conservación do patrimonio, deixando sen ordenar o Casco Histórico e outras zonas tradicionais como a Ponte Vella ou os Remedios e acrecentando a problemática do Pasatempo, ao desviar cara a esa zona aínda máis tráfico rodado.
E, por último, segue sen ter presente a necesidade de dotacións de suma importancia para o concello como un xeriátrico público, equipamento deportivo e cultural ou novas escolas de educación Infantil e Primaria que liberen o Vales Villamarín da etiqueta de “centro escolar máis masificado de Galiza”.
E non só non soluciona os actuais problemas, crea outros onde non os hai. Urbaniza de maneira salvaxe a zona do Carregal e as ribeiras do Mendo, con bloques de pisos elevados sobre columnas de 2,30 metros para evitar asolagamentos futuros. Crea, asemade, unha nova cidade dormitorio en Infesta, entre dúas zonas industriais e abre a posibilidade de deslocar a actividade comercial cara ao polígono ou un novo centro comercial a carón do porto, deixando sen vida as rúas do centro urbano.
Betanzos leva décadas de declive a causa precisamente do modelo que o PSOE impón no seu PXOM: construción sen servizos, sen dotacións, sen accesos, sen parques nin zonas libres. Para o BNG non sería responsábel apoiar este PXOM, por ser proxectado de costas á veciñanza e sen ter en conta o seu benestar. Cremos que Betanzos necesita outro modelo, o modelo de Allariz ou Pontevedra, non o de Miño e Barreiros.