O BNG pediu ao goberno local que garanta a transparencia e a participación veciñal no proceso de aprobación do PXOM
“Impide que poidamos formular dúbidas ao equipo redactor, cambia a documentación a 48 horas de ter que pronunciarnos sobre ela e non dá opción de contrastarmos un documento como o PXOM co equipo redactor, os técnicos municipais ou os nosos técnicos”
Betanzos, 7 de setembro de 2021.- O BNG pediu ao goberno local que garanta a transparencia e a participación veciñal no proceso de aprobación do PXOM. O BNG cuestionou que a 48 horas da celebración da comisión para informar o PXOM, o goberno local cambie a documentación e non dea prazo abondo aos grupos da Corporación para revisar os máis de mil folios do documento, entre texto e planos.
“O goberno local do PSOE semella que pretende obstaculizar por todos os medios que poidamos facer unha análise pormenorizada deste Plan Xeral e trasladarlla á veciñanza”, abundou. “A falta de transparencia e de participación social neste proceso é total, unha vez máis” lamentou. “O goberno local comprometérase no ano 2018 a abrir un proceso participativo entre a veciñanza para a elaboración do Plan Xeral, mais polo que vemos era só publicidade porque non se deu cabida á participación veciñal e nin sequera se garante unha mínima transparencia aos grupos políticos da corporación”, engadiu.
As nacionalistas cuestionan as presas do PSOE para aprobar o Plan Xeral en apenas dez días. “En 2016 o pretexto do PSOE para non buscar acordos sobre o PXOM coas demais visión de Betanzos representadas na Corporación Municipal era que ía entrar en vigor unha nova Lei do Solo”. “Agora non hai ningún cambio normativo á vista, pero tras impedir de feito que puideramos revisar o documento cos técnicos redactores en agosto, o PSOE pretende impoñer o seu PXOM en dez días”, detalla a voceira do BNG.
“Impide que poidamos formular dúbidas ao equipo redactor, cambia a documentación a 48 horas de ter que pronunciarnos sobre ela e non dá opción de contrastarmos un documento como o PXOM co equipo redactor, os técnicos municipais ou os nosos técnicos”, denuncian desde o BNG.
“Dá que pensar moi mal estas présas, semella que o PSOE quere impoñer o seu modelo de cidade unilateralmente e deixar atado e ben atado unha serie de actuacións máis que cuestionábeis de cara ao futuro de Betanzos”, engaden.
“Non entendemos os motivos desta présa por levar a Pleno o Plan Xeral sen unha participación veciñal efectiva, sen dar tempo aos técnicos para revisar a documentación en condicións ou aos grupos da corporación para estudar a documentación coa equipa redactora. Levamos desde o ano 1996 cunhas normas subsidiarias completamente obsoletas, un mes máis ou menos para explicar o proxecto e dar cabida á participación da veciñanza non vai ser unha gran diferencia”, engadiron.
Criticas da interventora no seu informe
As nacionalistas advirten que non son as únicas en cuestionar as présas do PSOE en aprobar o documento, e que a mesma crítica a deitan por escrito funcionarias municipais nos informes que acompañan o Plan Xeral. “Tendo en conta a escasa marxe de tempo coa que conta esta Intervención para proceder ao estudo do documento da Estratexia de actuación, o estudio económico e o informe de sustentabilidade económica, ponse de manifesto que o alcance desta fiscalización é moi reducido, e limítase a unha análise somera, esquemática, e sucinta do documento” advirte no inicio do documento a Intervención.
A funcionaria reproba que, diante da instalación de dous ascensores para conectar o Valdoncel coa Feira Nova e As Cascas co Rollo non se observe que é “un tipo de equipamento que vai a xerar unha serie de gastos de mantemento que non parece que se estean a considerar”.
Do mesmo xeito, advirte que non están garantidos os compromisos de investimento doutras administracións para financiar actuacións previstas no PXOM e como “no caso de mantemento dos servizos infraestruturais de abastecemento de auga, saneamento, depuración, recollida de lixo e reciclaxe, gas, rede eléctrica e telecomunicacións” a única forma de facer reais as infraestruturas previstas no PXOM non poderían ser realidade sería “que se acompañe de incrementos tributarios, suporía un incremento do déficit, sendo insuficiente, cos datos actuais, os ingresos que xeran”.