O BNG cuestiona que o PXOM non contemple novas dotacións para a veciñanza de Betanzos
Co incremento da poboación que contempla o PXOM non se prevé chan para construír unha nova escola infantil ou un novo colexio. A única dotación prevista é un centro de día para dar escusa para construír bloques de pisos no Frade e o Areal, renunciando a ubicación no antigo ambulatorio que o PSOE defendía até agora. Tampouco recolle reserva de solo para un xeriátrico público, nunha comarca como a nosa que non ten unha soa praza de xeriátrico público.
Betanzos, 13 de setembro de 2021.- O BNG cuestionou que a proposta de PXOM do PSOE non contemple novas dotacións para a veciñanza de Betanzos. “Vimos dicindo desde hai tempo que o PSOE proxecta un PXOM no que debuxa un crecemento de poboación desmedido, que non se corresponde nin coa realidade de Betanzos, que encadea varios anos de perda de veciñanza, nin coas proxeccións de crecemento para a comarca a curto e medio prazo, que son dunha maior caída poboacional”, explica a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
“Nin promovendo máis pisos nin duplicando o solo industrial, sen outras políticas que o acompañen, Betanzos vai recuperar poboación” explican as nacionalistas. “Porén, contando con ese incremento da poboación non se prevé chan para construír unha nova escola infantil ou un novo colexio e dise, literalmente, que o colexio máis masificado do país é suficiente para acoller o alumnado que xere unha cidade de preto de 16 000 persoas”, advirte a voceira do BNG.
“De feito a única dotación prevista é un centro de día para dar escusa para construír bloques de pisos no Frade e o Areal, onde hai uns anos era imprescindíbel construír un auditorio que agora, segundo o mesmo PSOE, non é preciso”, ironiza Sánchez Pérez. “O PSOE abandona a idea dun centro de día con prazas de residencia no antigo ambulatorio e propón que nos resignemos a non ter un xeriátrico público na cidade, para o que non se fai ningunha reserva de solo”, remarca a voceira do BNG.
Os barrios históricos terán que agardar polo seu plan especial
“Na anterior proposta de PXOM, e foi un dos motivos polos que votamos en contra, toda a referencia ao Casco Histórico era remitirse a un posterior plan especial, que podía redactarse ou non”, lembra a voceira do BNG, Amelia Sánchez. “Nós cremos que o trazo groso do tratamento ao Casco Histórico e aos outros barrios históricos ten que sentarse no Plan Xeral, sen agardar por outras normas que poden tardar anos en aprobarse”, indica. “De feito, até 7 plans especiais que evitan entrar a ordenar onde é problemático e que converten ao PXOM unicamente nun instrumento para delimitar solo urbano en lugar dunha ferramenta para resolver os problemas da cidade planificando o seu futuro”, engade a nacionalista.
“O Plan Xeral é a oportunidade para establecer un centro sociocultural no Casco Histórico e xa propuxemos varias veces a Casa Gótica para este cometido” recorda a voceira do BNG. “Tampouco entra a recualificar a casa contigua á Casa Consistorial para ampliar as dependencias do Concello e devolver as oficinas municipais ao Casco Histórico, polo que consagra o baleirado de servizos no Casco Histórico”, indica a edil nacionalista. . “Se cremos que o Casco Histórico é a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos, o Concello ten que ser o primeiro en facer esta aposta”, indica Sánchez.