NAS NOSAS ALEGACIÓNS ADVERTIMOS DE QUE NON SE GARANTE A CONSERVACIÓN AXEITADA DO MANDEO E A XUNTA VEN DARNOS TAMÉN A RAZÓN TANTO NA VERTENTE PAISAXÍSTICA COMO NA DE CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE E FEITURA DO PROPIO RÍO
Reclamamos ao goberno que cambie o modelo de cidade despois de coñecer a avaliación do PXOM que fai a Xunta
"O problema deste PXOM non é se proxecta 5 ou 20 vivendas neste núcleo ou naquel, o problema é de fondo, este modelo do PSOE non é o que Betanzos precisa e de feito evita abordar os problemas que a cidade ten actualmente"
"Nas nosas alegacións advertimos de que non se garante a conservación axeitada do Mandeo e a Xunta ven darnos tamén a razón tanto na vertente paisaxística como na de conservación da biodiversidade e feitura do propio río
Betanzos, 27 de decembro de 2019. O BNG ofreceu unha primeira valoración do documento de alcance da avaliación ambiental do PXOM. “Cremos que este documento ven darnos a razón en moitas das críticas que lle faciamos ao anterior plan xeral e que volvimos facer como alegacións neste trámite de consulta pública”, explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
“Vimos dicindo desde hai tempo que o PSOE proxecta un PXOM no que debuxa un crecemento de poboación desmedido, que non se corresponde nin coa realidade de Betanzos, que encadea varios anos de perda de veciñanza, nin coas proxeccións de crecemento para a comarca a curto e medio prazo, que son dunha maior caída poboacional”, explica o voceiro nacionalista. “Cuestionamos, e a Xunta tamén o fai neste documento, que se pretenda facilitar a promoción de varios milleiros de vivenda cando non hai, e non se prevé que vaia haber, xente para encher esas casas”, abunda o edil do BNG.
“Nin promovendo máis pisos nin duplicando o solo industrial, sen outras políticas que o acompañen, Betanzos vai recuperar poboación” explican as nacionalistas. “E iso se cremos, que é dubidoso, que unha Betanzos mellor é necesariamente a Betanzos de 30 000 habitantes que debuxa o PSOE no seu Plan Xeral”, ironiza o portavoz do BNG. “De feito, a Xunta tamén ven dicir que con medio polígono desocupado, cos limítrofes a medio encher, non ten moito xeito promover máis solo industrial, algo que nós tamén dixemos”, abunda.
O PXOM evita entrar a analizar e solucionar os problemas de mobilidade de Betanzos
“A Xunta dános tamén a razón ao exixir medidas de mobilidade sostible, como aparcadoiros disuasorios, mellora das conexións peonís ou medidas de accesibilidade dos cidadáns ao transporte público” explica o voceiro do BNG. Henrique del Río lembra que “de feito, botamos en falta na proposta do goberno local unha análise suficiente das mobilidades non motorizadas, fundamentalmente a peonil, xunto coa a ausencia de medidas destinadas a sacar o tráfico do centro histórico e en xeral do centro urbano”.
Protección do patrimonio histórico e natural
O BNG explica que tamén a Xunta ven demandar que o Plan Xeral incorpore o ámbito de protección do Pasatempo ou incorpore ao seu catálogo a Fábrica da Luz. “Nós demandabamos a catalogación de outros moitos elementos patrimoniais que quedan fóra do ámbito de protección do Plan Xeral, como fontes, lavadoiros ou vivendas singulares”, explica Del Río.
“Nas nosas alegacións advertimos de que non se garante a conservación axeitada do Mandeo e a Xunta ven darnos tamén a razón tanto na vertente paisaxística como na de conservación da biodiversidade e feitura do propio río”, relata Del Río.
“O problema é o modelo de cidade do PSOE”
“Canto dicimos nas nosas alegacións leva dicíndoo o BNG desde a aprobación das normas subsidiarias de 1996 ininterrompidamente”, explica o portavoz nacionalista. “O modelo de cidade que propón o PSOE supón a destrucción patrimonial e ambiental dunha cidade única como é Betanzos “ cuestiona. “O PSOE todo o amaña con máis solo industrial e máis solo urbanizábel, e o certo é que a súa receita, aplicada durante catro décadas, resultou na decadencia que Betanzos actualmente coñece, polo que lle pedimos ao goberno local que rectifique, abunda.
“Até a Xunta está a dicirlle que aparque ese modelo fracasado, de fialo todo a construír máis e máis pisos, insostible economica e socialmente e que supón unha ruína ambiental e a perda definitiva dos valores históricos e artísticos que aínda a día de hoxe veñen a cabeza de quen nomea Betanzos” explica Del Río. "O problema deste PXOM non é se proxecta 5 ou 20 vivendas neste núcleo ou naquel, o problema é de fondo, este modelo do PSOE non é o que Betanzos precisa e de feito evita abordar os problemas que a cidade ten actualmente" conclúen.