O BNG presentou hoxe unha iniciativa pedindo información ao Ministerio de Fomento sobre o novo vial que atravesa Infesta
O BNG reuniuse onte coa veciñanza afectada polo trazado deste novo vial que recolle o PXOM aprobado inicialmente polo Pleno co voto en contra do grupo nacionalista
Betanzos, 30 de novembro de 2021.- O BNG presentou hoxe unha iniciativa no Congreso, a través do deputado nacionalista, Néstor Rego, pedindo información sobre o novo vial que atravesa Infesta. O BNG reuniuse onte coa veciñanza afectada polo trazado deste novo vial que recolle o PXOM aprobado inicialmente polo Pleno co voto en contra do grupo nacionalista.
“No documento de mobilidade do PXOM aprobado inicialmente polo Pleno de Betanzos recollese a variante Espantosa-Montellos que enlazaría a estrada N-VI coa A-6 e a AP-9 en Montellos (Infesta). O trazado deste novo vial ten unha grande afectación sobre as vivendas e a veciñanza do núcleo de Infesta e está causando moita preocupación veciñal”, explica a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“A alcaldesa afirmou que o trazado que recolle o PXOM é consecuencia dun proxecto do Ministerio de Fomento, que non pasou o trámite de exposción pública nin tivemos nunca acceso a estudo ningún sobre este vial”, engadiu a concelleira nacionalista.
Por estes motivos o deputado nacionalista Néstor Rego, preguntou ao Ministerio se existe un proxecto redactado para este vial, se foi sometido a exposición pública para coñecemento da veciñanza e aproveitaron para advertir ao Ministerio de Fomento do grande impacto que o trazado no PXOM ten e da preocupación veciñal que provoca en Infesta.
O deputado nacionalista, Nestor Rego, rexistrou tamén unha solicitude para que se lle traslade copia deste proxecto en caso de que o Ministerio o teña redactado. O BNG ademais anunciou que presentará alegacións a este vial nas súas alegacións ao PXOM que está en exposición pública até o 20 de decembro e púxose á disposición da veciñanza afectada.